O alcalde Manuel Taboada asinou esta mañá o convenio coa conselleira María Martínez Allegue ||
A Xunta ten outra parcela pegada de 240 metros, polo que entre as dúas se poden construírse ata 15 vivendas protexidas ||

O alcalde do Pino, Manuel Taboada, asinou esta mañá o convenio coa conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, polo que o Concello pon a disposición da Xunta unha parcela no Pedrouzo para construír ata 9 vivendas protexidas. O obxectivo do programa é axilizar a construción de novas vivendas tanto en réxime de venda como en alugueiro. No acto estivo presente o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo.
O convenio asinado permitiralle á Xunta sacar a concurso público en réxime de libre concorrencia esta parcela de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos que poderían ser tanto en réxime de alugueiro como de venda. Ademais, deste xeito, facilitarase a información aos promotores, cooperativas e á cidadanía, en xeral, sobre os solos dispoñibles.
O Goberno galego, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), tamén se encargará da redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que o Concello só terá que ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.
Cómpre lembrar que o IGVS é titular doutra parcela contigua no Pedrouzo, prevendo incluíla nun concurso de adxudicación de solo.
O acordo de hoxe súmase aos doutros concellos como Ordes, As Pontes de García Rodríguez, A Arnoia, Friol, Valdoviño ou O Valadouro. A Xunta está a manter contacto con outros municipios interesados en adherirse a este programa cuxo prazo para incorporarse permanecerá aberto indefinidamente.
No pleno celebrado o pasado 29 de outubro, o Concello do Pino aprobara por unanimidade cederlle ao IGVS esta parcela de 375 metros cadrados, que está situada fronte ao antigo centro de saúde, na avenida de Lugo. Pegada a esta, a Xunta ten outra parcela de 240 metros cadrados.
As dúas parcelas xuntas teñen unha edificabilidade máxima de 1.306 metros cadrados, distribuídos en baixo, dúas plantas e baixo cuberta e nelas poderían construír ata 15 vivendas protexidas
Manuel Taboada lembra que “con esta cesión, o Concello vai favorecer que se constrúan 15 vivendas de promoción pública no Pino, o que vai permitir que xente moza poida acceder a súa primeira vivenda”.


