Á vista da evolución do coronavirus COVID-19, que está supoñendo a adopción de medidas de contención extraordinarias por parte das autoridades de saúde pública, que inclúen, entre outras, o peche de centros educativos e de atención a maiores, o Concello de O Pino considera preciso a adopción de medidas que preserven a protección da saúde, tanto dos empregados públicos, como dos usuarios das distintas actividades municipais.
Tendo en conta a resolución de data 1O de marzo do Secretario de Estado de Política Territorial e Función Pública, así como das derivadas da Xunta de Galicia, o alcalde de O Pino acaba de asinar un bando no que se resolve.
O cese de todas as actividades de carácter municipal, tales como as actividades culturas, educativas, deportivas, de ocio, de maiores, etc., que sexan realizadas ou promovidas polo Concello de O Pino.
Adicionalmente adoptaranse as medidas que sexan necesarias no ámbito da administración xeral municipal (conforme aos criterios que se determinen), en relación coas empregadas e empregados públicos e as veciñas e veciños usuarios destes servizos xerais.
Tanto o Servizo de Xantar na Casa como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) seguiranse prestando como se viña facendo ata o momento.
Respecto da atención ao público nas dependencias municipais farase preferentemente por teléfono, chamando ao 981 511 002 ou por vía telemática na sede electrónica do Concello de O Pino (https://sede.opino.gal). A atención presencial na casa consistorial limitarase só a casos de urxencia ou extrema necesidade, e será preciso concertar previamente cita a través dunha chamada telefónica.
As presentes medidas de carácter organizativo terán o carácter temporal de 14 días naturais, e revisaranse ao finalizar este prazo, podendo ser prorrogadas segundo determinen as autoridades competentes.
Dende o Concello recoméndase ás asociacións e entidades ser especialmente coidadosas coas recomendacións anteriores durante os próximos días, e non facer viaxes e desprazamento que non sexan imprescindibles.
Tamén se recomenda non visitar os centros de maiores, hospitais e centros médicos agás casos de extrema necesidade.
Lavar con frecuencia mans e cara con auga e xabón, e evitar no máximo posible o contacto físico, especialmente con persoas dos grupos de risco, son outras das recomendacións das autoridades sanitarias que aparecen recollidas no bando.
O alcalde recorda que o teléfono de información á cidadanía sobre o coronavirus é o 900 400 116. Só en casos graves e urxentes é recomendable chamar ao 061.
O alcalde prégalle á veciñanza que colabore para evitar a propagación deste virus, evitando toda a situación de risco e cumprindo coas indicacións do Ministerio de Sanidade e da Consellería de Sanidade.
Para solicitar información xeral sobre o novo coronavirus, a Xunta de Galicia pon a disposición da poboación o teléfono gratuíto 900 400 116. Así mesmo, neste enlace pódese consultar toda a información que están a ofrecer as autoridades sanitarias de forma actualizada.
Na seguinte imaxe pódese ver un resumo das medidas adoptadas pola Xunta de Galicia para conter a propagación do coronavirus.