O director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, acompañado polo alcalde, visitou a casa do Concello que foi pintada recentemente || Enrique de Salvador salientou o compromiso de entidades locais e particulares coa protección da paisaxe e avanza que o IET está analizando as solicitudes recibidas este ano || Manuel Taboada agradece a axuda do Goberno autonómico e sinala que tamén se vai mellorar a escola unitaria de Lardeiros || Dous veciños do Pino recibiron outros 6.000 euros dentro desta mesma liña de axudas para mellorar as súas propiedades
O director do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, Enrique de Salvador, subliñou esta mañá a aposta do Concello do Pino por implantar a cultura do fermosismo neste municipio, un obxectivo no que se enmarca a intervención executada recentemente sobre a fachada da casa consistorial grazas a unha axuda de 24.000 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
No marco dunha visita ao edificio do Concello, Enrique de Salvador, felicitou ao alcalde, Manuel Taboada, pola actuación levada a cabo e por aproveitar a primeira convocatoria da orde de axudas para corrección de impactos paisaxísticos en edificios, dependencias e equipamentos públicos municipais.
Manuel Taboada agradeceu a colaboración do Goberno autonómico con «esta liña de axudas que serve para acabar co feísmo no territorio», e destacou que con esta achega, a casa consistorial do Pino mellorou notablemente a súa imaxe. Taboada engadiu que con esta mesma liña de axudas, O Pino vai mellorar o exterior da escola unitaria de Lardeiros.
En concreto, a intervención acometida na sede consistorial consistiu no adecentamento das catro fachadas do edificio, sobre as que se levaron a cabo tarefas de repintado e limpeza co fin de renovar e mellorar a súa imaxe exterior.
Tras lembrar o “éxito” co que se saldou a convocatoria destas axudas en 2021 —esgotando os 800.000 euros dispoñibles—, o director do IET salientou que grazas a este programa a Xunta axudou xa a 66 concellos a “protexer a paisaxe” da súa contorna, corrixindo ou mitigando os efectos causados por unha deficiente conservación ou polo paso do tempo en determinados inmobles, edificios e equipamentos de titularidade municipal.
Neste sentido, explicou que no marco da orde de axudas para corrección de impactos paisaxísticos dirixida a particulares tamén houbo dous veciños do Pino que recibiron unha subvención da Xunta —por un importe total de 6.000 euros— para executar intervencións destinadas a mellorar o aspecto exterior das súas propiedades.
Por último, avanzou que, na actualidade, o Instituto de Estudos do Territorio está a analizar as solicitudes recibidas este ano ao abeiro da segunda convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos dirixidas a concellos e a particulares.