Terá horario ininterrompido de 12.00 a 20.00 horas de luns a domingo // A entrada diaria custará 3,60 euros mentres que unha familia con dous peques ou máis pagará 24 euros por toda a temporada //
O Concello do Pino inaugurará a temporada de verán o vindeiro 1 de xullo coa apertura da piscina municipal de Lameiro, que poderá desfrutarse todos os días da semana en horario ininterrompido de 12.00 a 20.00 horas. Os abonos poden retirarse xa na Casa do Concello de luns a venres entre as 10.00 e as 14.00 horas.
A piscina municipal de Lameiro abrirá o sábado día 1 tanto para quen queira ir tomar o sol e darse un baño como para as persoas interesadas en facer cursiños de natación. A entrada diaria terá un custo de dous euros e haberá abonos de temporada moi económicos para aquelas persoas que vaian facer un uso habitual das instalacións.
Os bonos teñen un prezo de 6 euros para os menores de 16 anos e de 12 euros para as persoas adultas no caso de ser residentes no municipio. O custo dobrarase no caso de empadroamento noutros concellos.
Así mesmo, e só para as familias residentes no Pino, establécese un custo de 15,02 euros por parella, ao que haberá que sumarlle 6 euros máis por un fillo e outros tres polo segundo (a partir do terceiro non se paga). Iso significa que unha familia con dous peques ou máis aboará 24 euros por toda a temporada.
As persoas mozas que amosen o seu carné xove desfrutarán dun desconto do 25%.
En canto aos cursos de natación, é requisito obrigatorio contar cun abono. As persoas interesadas poderán asistir a un máximo de dúas clases por semana. O curso ten un prezo de 3 euros ao mes para menores de 16 anos e de 9,01 para persoas adultas e desenvolverase entre luns e xoves de 12.30 a 13.15 horas.
A organización dos grupos dependerá da idade e do nivel dos participantes.