Remontou un 2-0 en contra no tempo regulamentario e estiveron máis acertados dende os sete metros cun 3-2 ao seu favor ||
O terceiro posto foi para Rayo Reboredo, que venceu por 3-2 ao equipo As Pintas FS ||
Oito equipos participaron neste primeiro campionato organizado polo Concello do Pino ||

O equipo J. Balado foi o gañador do torneo
Os xogadores do J. Balado celebraron por todo o alto a vitoria no primeiro Torneo de fútbol sala organizado polo Concello do Pino despois de remontar na final un 2-0 en contra e impoñerse na quenda de penaltis por 3-2 aos Tucaneros FC. O terceiro posto foi para Rayo Reboredo, que se impuxo por 3-2 na final de consolación ao equipo As Pintas FS. O concelleiro Borja Castro entregoulle os trofeos aos catro primeiros clasificados.
A primeira edición do Torneo de fútbol sala do Concello do Pino xuntou oito equipos, que disputaron unha fase de grupos, con 3 partidos, no polideportivo de Lameiro entre o venres pola tarde e o sábado pola mañá.
Despois de celebrase as semifinais, As Pintas e Rayo Reboredo disputaron a final de consolación, na que Rayo Reboredo mantivo sempre vantaxe no marcador para acabar impoñéndose por 3-2.
Na gran final, os veteranos xogadores de J. Balado souberon darlle a volta a un resultado adverso e remontar os dous primeiros goles que marcaron os mozos de Tucaneros. Tras rematar o tempo regulamentario cun 2-2, no lanzamentos de penaltis estiveron máis acertados os de J. Balado, que acabaron levándose o campionato.
O concelleiro de Deportes e Xuventude, Borja Castro, entregoulle os trofeos aos catro primeiros equipos entre os aplausos do público. Máis dun cento de persoas presenciaron no polideportivo de Lameiro a fase final deste primeiro torneo organizado polo Concello do Pino.

O FC Tucaneros quedou segundo, tras perder a penaltis

