O obxectivo desta iniciativa é fomentar a creatividade e participación, colaborar na creación dun ambiente decorativo especial e acolledor para as festas, e contribuír ao aforro económico ao redor de materiais reciclábeis ||
Establécense dúas categorías, familiar e colectiva ||
As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 2 e o 20 de decembro ||
O Concello do Pino pon en marcha o I Concurso de Decoración do Nadal, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade e participación activa da veciñanza, colaborar na creación dun ambiente decorativo especial e acolledor para as festas, e contribuír ao aforro económico ao redor de materiais reciclábeis.
Este certame está dirixido tanto a particulares como a colectivos, ofrecendo dúas categorías de participación:
- Familiar: destinada a decoracións realizadas en balcóns, ventás, portas, fachadas ou xardíns exteriores de vivendas particulares.
- Colectiva: para comercios, asociacións, barrios ou comunidades que elaboren montaxes decorativas en espazos públicos como rúas, prazas ou áreas de lecer.
As decoracións deberán estar relacionadas coa festividade do Nadal e os motivos tradicionais, destacando a orixinalidade, o uso de materiais reciclables e a capacidade de transmitir valores locais.
As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 2 e o 20 de decembro de 2024, xa que ampliamos o prazo inicialmente fixado. Poderán facelo presencialmente no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica (https://opino.sedelectronica.gal/info.0). Para formalizar a participación será necesario presentar a ficha de inscrición xunto a tres fotografías do proxecto decorativo.
As montaxes deberán permanecer expostas entre o 21 de decembro de 2024 e o 8 de xaneiro de 2025. Ademais, no caso de proxectos colectivos, deberá permitirse o acceso gratuíto da poboación aos espazos decorados.
O xurado estará composto por persoas do ámbito cultural, técnico e artístico do Concello, que valorarán o deseño, a orixinalidade, a iluminación, o uso de materiais reciclables e o contido educativo das decoracións.
Os premios, que se entregarán durante a Cabalgata de Reis o día 5 de xaneiro de 2025 no pavillón municipal de Reboredo, serán os seguintes:
- Categoría Familiar: 1º premio 300 €, 2º premio 200 €, 3º premio 100 €.
- Categoría Colectiva: 1º premio 300 €, 2º premio 200 €, 3º premio 100 €.
As bases completas do concurso, o formulario de inscrición e o formulario para que os gañadores adxunten os seus datos fiscais están dispoñibles nos documentos adxuntos.
Para máis información ou consultas, as persoas interesadas poden dirixirse ao correo correo@opino.gal.
O Concello do Pino anima a toda a veciñanza e colectivos locais a participar neste certame, contribuíndo a crear un ambiente de Nadal que reflicta a identidade e o espírito da comunidade.