O Concello de O Pino organiza o día 3 de marzo ás 17:30 horas, o XXI Concurso de Disfraces de Entroido. A actividade encadrada dentro do Entroido 2019 celebrarase na Praza do Concello e estará aberta para todas as persoas que queiran participar. Os únicos requisitos para formar parte do certame son ir disfrazado e anotarse na Praza do Concello o mesmo día do concurso, a partir das 16:30 horas.
Os premios desta edición alcanzan máis de 1.700 euros e repartiranse entre as seguintes categorías: infantil (150 e 100 € para os dous primeiros clasificados), máis orixinal (150 €), individual (150 €), parella (175 €), grupo (250 €), carroza (300 €) e comparsa (500 €). Os gañadores serán designados por un xurado composto por persoas alleas ao Concello de O Pino.
Todos os menores de 12 anos terán un agasallo se van disfrazados, figuran inscritos no concurso e desfilan polo escenario. As comparsas deberán estar compostas por un mínimo de10 persoas representando un mesmo motivo; os grupos deberán estar formados por entre 3 e 9 persoas e as carrozas, por un mínimo de 4 representando algún motivo enriba dun móbil.
As bases do concurso pódense consultar na web do Concello de O Pino.
––Gañadores concurso carteis
Por outra banda, o Concello de O Pino organizou un concurso de carteis de Entroido entre o alumnado do municipio. Na categoría de 3 a 5 anos gañou a aula de 6º de Infantil do CPI Camiño de Santiago, mentres que na de 6 a 8 anos o mellor cartel foi o de Paula Villamor Martínez. Carla Fandiño Iglesias gañou na categoría de 9 a 11 anos, e Jacobo García Ríos, na de 12 a17.