As instalacións poderán ser utilizadas por un máximo de dúas horas ao día ||
O ximnasio estará aberto de luns a sábados agás festivos, períodos vacacionais, Noiteboa e Noitevella ||
Poderán acceder ata quince usuarios simultaneamente ||
O Concello do Pino vén de facer público o calendario, horarios e normativa xeral de uso para o ximnasio municipal de O Pino no polideportivo municipal de Lameiro, que abrirá as súas portas o vindeiro luns, 3 de outubro. Poderá ser utilizado de forma exclusiva por calquera persoa maior de 16 anos empadroada no concello, sendo obrigatorio o uso de toalla e a hixienización das máquinas unha vez utilizadas. Do mesmo xeito non se poderá comer, mais si beber, nas instalacións deportivas.
O ximnasio abrirá de 10.30 a 13.30 horas e de 18.30 a 22.30 horas entre semana, de 10.00 a 14.00 os sábados e se manterá pechado domingos, festivos e períodos vacacionais, así como os días 24 e 31 de decembro.
O aforo máximo do ximnasio é de quince usuarios que poderán facer uso diario del durante dúas horas por sesión, cun tempo de utilización para cada máquina de media hora, ampliable no caso de que non haxa persoas á espera.
Para facer uso das instalacións, ademais, é imprescindible facer unha reserva previa cunha antelación mínima de 24 horas no enderezo electrónico deportes@opino.gal ou chamando ao número de teléfono 981-51-10-02.
Normas de uso do ximnasio municipal de O Pino
A normativa de uso do ximnasio municipal de O Pino reprodúcese a continuación de xeito literal, e tamén se pode consultar no documento adxunto que figura ao final desta nova.
1ª.- As máquinas do polideportivo municipal de Lameiro do Concello de O Pino son de usoexclusivo para usuarios de 16 anos ou maiores desta idade empadroados no Concello de O Pino.
2ª.- É obrigatorio acceder ao ximnasio con toalla e limpar os aparellos unha vez utilizados. O Concello facilitará papel e producto de limpeza para tal fin, pero o uso de toalla é obrigatorio.
3ª.- Deberase respectar o tempo de uso das máquinas, o cal será de 30 minutos por máquina. No caso de non haber usuarios en espera, este tempo poderase ampliar.
4ª.- O tempo máximo de utilización do ximnasio será de 2 horas por usuario, sempre e cando non se supere o aforo máximo permitido.
5ª.- O aforo máximo do ximnasio será de 15 usuarios en cada hora.
6ª.- Será obrigatorio empregar calzado e roupa axeitada para a práctica deportiva. Recoméndase cambiar o calzado co cal se acude á instalación para acceder á zona do ximnasio.
7ª.- Deberá seguirse en todo intre as indicacións do/a monitor/a do ximnasio.
8ª.- Non se permite comer en toda a instalación. Recoméndase hidratarse antes, durante e despois da práctica deportiva.
9ª.- Os usuarios poderán utilizar as duchas e vestiarios do polideportivo municipal.
10ª.- Non está permitida a entrada ás instalacións a persoas que padezan enfermidades infecciosas ou contaxiosas, especialmente afeccións cutáneas ou de fácil transmisión.
11ª.- Os usuarios deberán facer un uso responsable das instalacións e das máquinas, cun coidado correcto. Toda dúbida sobre o seu uso poderá consultala co/a monitor/a do ximnasio.
12ª.- Toda a cidadanía ten dereito a acceder e a usar o ximnasio municipal en condicións de igualdade, con suxeición aos principios democráticos de convivencia, ás normas que contén o presente regulamento e ás instrucción do/a monitor/a do ximnasio.
O dereito de uso tamén se axustará ás condicións da autorización municipal e aos horarios publicados a continuación.
Horarios de uso do ximnasio municipal de O Pino
1º.- O ximnasio municipal abrirá de luns a sábados e só permanecerá pechado os domingos, períodos vacacionais e festivos, ademais do 24 e o 31 de decembro.
2º.- Os horarios de apertura do ximnasio serán os seguintes a partir do luns 3 de outubro de 2022:
- De luns a venres de 10.30 a 13:00 horas.
- De luns a venres de 18:30 a 22:30 horas.
- Os sábados de 10:00 a 14:00 horas.
3º.- Será imprescindible a reserva cunha antelación mínima de 24 horas no email deportes@opino.gal ou no teléfono 981 511 002 coa fin de prever a ocupación e aforo máximo do ximnasio.