Manuel Taboada mantivo unha reunión con José López Campos para analizar posibles vías de colaboración no municipio || O encontro serviu tamén para tratar iniciativas vinculadas coa mocidade, coa promoción da lingua galega e coa conservación e posta en valor do patrimonio ||

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reúnese co alcalde do Pino, Manuel Taboada.
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, mantivo este xoves 21 de maio unha reunión co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, na que abordaron distintas cuestións relacionadas co desenvolvemento cultural e patrimonial do municipio, así como actuacións estratéxicas de cara ao Xacobeo 2027.
Durante o encontro, ambas administracións analizaron posibles vías de colaboración para a mellora das infraestruturas culturais do Concello, co obxectivo de que estean nas condicións axeitadas tanto para acoller a programación cultural de verán como para avanzar na preparación das actividades vinculadas ao próximo Ano Santo.
Neste sentido, púxose en valor a importancia do Pino dentro do Camiño Francés, xa que é o municipio galego con maior número de quilómetros atravesados por esta ruta xacobea, unha circunstancia que reforza o papel do concello na planificación do Xacobeo 2027.
A reunión serviu tamén para abordar posibles accións de dinamización cultural e lingüística, iniciativas de apoio á mocidade e cuestións relacionadas coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural do municipio.
Ademais, o conselleiro informou ao alcalde sobre as modificacións introducidas na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia a través da Lei de acompañamento dos Orzamentos. Segundo explicou a Xunta, estes cambios permitirán reducir os tempos de tramitación dos expedientes relacionados co patrimonio, facilitando así o desenvolvemento de proxectos por parte da cidadanía e das administracións.

