-
Tamén volverá á biblioteca a actividade de conciliación Aula Aberta para a rapazada de entre 5 e 12 anos //
-
Xa está aberto o prazo de inscrición no centro sociocultural Luis Seoane //
-
Descarga as fichas de inscrición dende a páxina web //
O Concello do Pino arranca a súa programación cultural de novembro coa oferta de novos cursos para persoas adultas e mozas. Ademais de retomarse as clases de bolillos e costura tralo éxito colleitado en anteriores edicións, a veciñanza poderá aprender a realizar os trámites en liña máis habituais nun curso de informática práctica ao tempo que a rapazada entre 5 e 12 anos poderá gozar dunha tarde semanal de obradoiros e xogos na aula aberta da biblioteca. A gran novidade será unha escola de maxia con dúas horas de clase á semana para aprender a facer os mellores trucos.
As clases de costura terán ata tres quendas para satisfacer a gran demanda coa que xa contaron en anos anteriores. Deste xeito, as persoas interesadas poderán asistir ou ben os martes pola mañá (entre 10.30 e 12.30 horas) ou os xoves pola tarde (de 16.30 a 18.30 horas ou de 19.30 a 21 horas). O prezo é de 20 euros mensuais.
Haberá así mesmo dous grupos nos cursos de bolillos e de informática. O de bolillos, cun custo de 35 euros ao mes, terá lugar os mércores pola tarde de 16.30 a 18.30 ou de 18.00 a 20.00 horas, mentres que o de informática se desenvolverá luns e mércores, ben pola mañá (de 10.30 a 12.00 horas) ou ben pola tarde (16.30 a 18.00 horas) en función da demanda.
O curso de informática, que ten un prezo de 20 euros, será eminentemente práctico e está pensando para axudar a veciñanza a desenvolverse nunha realidade cada vez máis dixital. Nel, as persoas asistentes poderán aprender a crear un documento, gardalo, mandar correos, adxuntar arquivos, etc, e a facer trámites habituais como pedir unha cita médica ou solicitar un permiso de queima.
Xa pensando na cativada, a biblioteca municipal abrirá as súas portas nas tardes dos mércores ou xoves, segundo a demanda, de cinco a sete na iniciativa de conciliación Aula aberta. Obradoiros temáticos, xogos cooperativos, contacontos ou un club de lectura son algunhas das actividades das que poderán gozar nenas e nenos de entre 5 e 12 anos. O prezo é de 20 euros.
Por último, e como gran novidade, O Pino estreará a súa Escola de maxia, onde mércores ou xoves, tamén segundo a demanda, as persoas interesadas poderán desenvolver habilidades para converterse en grandes ilusionistas. Serán dúas horas, de cinco a sete, e o custo é de 25 euros.
Todas as actividades levaranse a cabo no centro sociocultural Luis Seoane, agás o curso de informática, que se desenvolverá na aula TIC localizada no antigo centro de saúde da Avenida de Lugo. As inscricións faranse no propio centro sociocultural Luis Seoane ou no teléfono do mesmo: 981 51 10 65.
As fichas de inscrición para menores e adultos, e o documento de pagamento pódense descargar nos documentos adxuntos