O alcalde entregoulles esta fin de semana nas súas casas unha placa conmemorativa pola efeméride ||
Ramona rexentou pensións en Bilbao e Santiago, e Mercedes viviu soa ata os 88 anos ||
José goza contando anécdotas e Manuela manexa ela soa o salvaescaleiras ||
Ramona rexentou nos seus tempos novos unha pensión en Bilbao e despois outra en Santiago e animou aos dous netos a estudar; Manuela viviu sempre en Gonzar e hoxe goza cos seus cinco bisnetos. Mercedes, que viviu soa ata os 88 anos, aínda foi votar nas últimas eleccións. A José gústalle falar coa xente e recordar anécdotas de cando era máis novo. Hoxe presumen de formar parte do club de centenarias e centenarios do concello de O Pino, a quen o alcalde lles entregou unha placa conmemorativa da efeméride.
O Concello de O Pino soe facer o recoñecemento as persoas de máis idade do municipio durante a Xuntanza dos maiores que celebra no mes de xullo. Este ano, debido a pandemia da covid-19, non se celebrou a festa, motivo polo que o alcalde decidiu visitar ás novas centenarias na súa casa e falar tamén uns minutos con José. Acompañado polo tenente de alcalde José Manuel Carreira e pola concelleira Mercedes Vázquez, Manuel Taboada entregoulles unha placa conmemorativa da efeméride e, ás mulleres, un ramo de flores.
Ramona Varela Buján
Ramona Varela Buján naceu en Toques o 9 de marzo de 1920. Hoxe vive na Salceda coa súa neta María Jesús e o seu xenro Jesús Seijo, e segue mantendo unha vida moi activa. Levántase ás oito da mañá e non deixa de moverse en todo o día.
É a máis vella de oito irmáns e a única que segue viva. Recorda como de pequena “ía ao monte cos meus seis irmáns para apañar os toxos, e sachaba na horta con miña nai”. Sempre lle quedou mágoa por non poder estudar. “O mestre veu falar con miña nai para que me deixaran estudar, porque valía. Aínda que lles dixo que non lles custaría nada, non puido ser”, recorda. Por iso a súa principal inquedanza era que a súa filla e os seus netos estudaran.
Entre 1955 e 1964 estivo en Bilbao, rexentando unha pensión. E de volta a Galicia comprou un piso en Santiago, nos Concheiros, onde montou outra pensión para estudantes. A súa filla decidiu ser costureira, pero Ramona conseguiu que os seus netos foran á universidade. María Jesús fixo Maxisterio e Álvaro optou por facer Veterinaria en Lugo, ata onde se desprazou Ramona para acompañalo no seu periplo universitario.
Hoxe é feliz na casa familiar da Salceda, onde gusta de conversar, pasear e gozar cos seus catro bisnetos. Cando cumpriu os cen anos “fixéronme o mellor regalo: un cadro coas fotos dos oito irmáns” que amosa orgullosa.
José Vaamonde García
Onte, domingo, José Vaamonde García cumpriu 100 anos e 3 meses. Viviu sempre en San Breixo de Ferreiros, e aínda que precisa dun andador para moverse, segue mantendo unha memoria privilexiada e recordando multitude de anécdotas. Durante a visita do alcalde, recordoulle como moitos anos atrás axudou a un veciño que tivo que emigrar a conseguir os cartos para pagar a pasaxe no barco.
José vive hoxe coa súa filla na mesma casa na que viviu o seu avó, “o dono de todo isto”. Tivo seis fillos, dos que viven catro. Hoxe goza cos seus 13 netos e 12 bisnetos, que pronto serán trece, porque “un vén de camiño” asegura orgulloso.
Manuela Mecías Castro
Manuela Mecías Castro é a máis veterana. Ingresou no club das centenarias o pasado 20 de febreiro. Aínda que naceu en Arzúa leva vivindo na parroquia de Gonzar a maior parte da súa vida. Levántase moi cedo, “ás oito xa está a pé” e pasa moitas horas sentada na cociña debido aos problemas de mobilidade. “Manexa ela sola o salvaescaleiras que lle puxeron na casa para que poida subir sen dificultade ao cuarto”.
Nai de oito fillos, gústalle ter preto de si aos seus 10 netos e 5 bisnetos.
María Mercedes Santos Tato
Mercedes Santos volveu para a súa parroquia natal de San Miguel hai doce anos, despois de pasar toda unha vida na aldea da Toxa (en Quión). “Marchou con dous anos e estivo vivindo alí, ela soa, ata os 88”, recorda a súa neta Mari Carmen.
A súa vitalidade segue presente, malia algúns problemas de saúde. Come de todo, camiña bastante e ata se animou a ir votar nas últimas eleccións. “Ata este ano non tomou ningunha pastilla e nunca estivo ingresada”, di orgullosa a neta.
Mercedes, que ten dúas netas e dous bisnetos, vive hoxe na Brea co seu único fillo, Agapito, a súa nora e a súa neta Mari Carmen.