Formaranse 20 persoas desempregadas, 6 delas doPino, en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en actividades auxiliares en aproveitamentos forestais ||
Belén do Campo informou que este taller permitirá ober certificados de profesionalidade ||

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o alcalde do Pino, Manuel Taboada; o de Touro, Jesús Reboredo, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, inauguraron hoxe o Obradoiro de emprego dual promovido conxuntamente polos concellos de Touro, Boimorto e O Pino, unha iniciativa que permitirá formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en actividades auxiliares en aproveitamentos forestais.
Manuel Taboada animou ao alumnado a aproveitar esta oportundidade formativa que lle pode abrir as portas ao mercado laboral. Pola súa banda, a representante da Xunta destacou que este programa conta cun investimento superior aos 454.000 euros e subliñou que “non se trata só dun programa formativo, senón dunha oportunidade real para mellorar a cualificación profesional e facilitar o acceso ao mercado laboral”.
Ao longo dos próximos meses, o alumnado participante desenvolverá actuacións forestais en distintas parcelas situadas nos tres concellos, contribuíndo á conservación e mellora dos montes destes municipios.
Nestes espazos executaranse traballos de limpeza e roza da vexetación, eliminación de biomasa, control de especies invasoras, podas, rareos selectivos e outras actuacións orientadas á conservación, recuperación e mellora dos montes.
A delegada destacou que estas actuacións resultan fundamentais para garantir unha correcta xestión forestal, contribuír á prevención dos incendios e favorecer a protección da biodiversidade e da paisaxe, ao tempo que permiten ao alumnado aplicar os coñecementos adquiridos e adquirir experiencia profesional nun sector con importantes oportunidades laborais.
A delegada territorial puxo en valor a aposta da Xunta polos obradoiros de emprego como unha das principais ferramentas de formación e inserción laboral. Neste sentido, lembrou que este ano se aprobarán en Galicia un cento de obradoiros cun investimento global de 48,1 millóns de euros para formar preto de 2.000 persoas desempregadas.
Formación dual con contrato e certificado profesional
Durante o acto, a representante da Xunta salientou especialmente o valor engadido da formación dual, que combina aprendizaxe teórica e práctica coa contratación das persoas participantes mediante un contrato para a formación e a aprendizaxe.
Así, ademais de percibir unha remuneración económica durante o desenvolvemento do programa, o alumnado obterá un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional, mellorando significativamente as súas posibilidades de inserción laboral.
A delegada lembrou tamén que os grupos reducidos permiten ofrecer unha formación máis personalizada e adaptada ás necesidades de cada participante e que, nalgúns casos, estes programas incorporan contidos relacionados co emprendemento para favorecer a creación de novos proxectos profesionais.
Colaboración entre administracións
A representante autonómica destacou igualmente a importancia da colaboración institucional para o desenvolvemento destes programas. Neste sentido, explicou que a Xunta financia os obradoiros mentres que os concellos se encargan da súa organización, selección do alumnado e execución dos proxectos.
Segundo indicou, esta cooperación permite adaptar a formación ás necesidades reais da contorna e desenvolver actuacións que repercuten directamente na mellora dos espazos públicos e naturais dos municipios participantes.
Para rematar, animou ao alumnado a aproveitar esta oportunidade formativa e profesional, lembrando que os obradoiros de emprego teñen demostrado ser unha das vías máis eficaces para facilitar a inserción laboral. “O voso compromiso, esforzo e motivación serán fundamentais para o éxito desta experiencia, que pode marcar un antes e un despois na vosa traxectoria profesional e persoal”, concluíu.

