Milleiros de persoas, entre veciños, peregrinos e visitantes, desafiaron hoxe as altas temperaturas para gozar cunha das exaltacións gastronómicas de referencia en Galicia: a Festa do Galo Piñeiro, unha iniciativa do Concello do Pino que, segundo o pregoeiro Ovidio Rodeiro, permitiu recuperar unha raza autóctona que funde as súas raíces na época celta. Uns 60 exemplares de galiñas e galos piñeiros vivos de toda Galicia e tamén de Asturias participaron no concurso que, desde que se iniciou a festa, axudou a que esta especie estea presente hoxe cada vez en máis concellos e “represente, xunto co Camiño de Santiago, unha nova oportunidade de negocio para a veciñanza”, como sinalou o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña.
Poñendo en valor a “aposta persoal do alcalde Manuel Taboada” no ano 1999, cando comezou a exaltación gastronómica do galo piñeiro, Ovidio Rodeiro recordou que hoxe a Consellería de Medio Rural conta con programas de promoción e protección das razas autóctonas en perigo de extinción, no que colaboran diferentes entidades e asociacións. “Entre todos conseguimos que non se perdan razas seculares da nosa terra en favor doutras foráneas de maior produción, e logramos que a vaca cachena, o porco celta, a galiña de Mos ou o galo Piñeiro non desaparezan das nosas granxas”, indicou Rodeiro.
Precisamente para promocionar esta especie e axudar a recuperar a raza, na Festa do Galo Piñeiro organiza todos os anos unha feira de galos e galiñas vivas e un concurso dotado con 550 euros, no que hoxe participaron 60 exemplares procedentes de diferentes concellos das provincias da Coruña, Lugo, Pontevedra e Asturias.
Os gañadores deste ano chegaron de fora do Pino. Así, na de galo piñeiro os gañadores foron Lara Paredes Álvarez, de Domaio (Moaña), que recibeu 125 euros. O segundo premio foi para O Corgo (Lugo) a mans de Miguel Neira López (75 euros), e o terceiro quedou no Pino, na granxa de Lucas Magadán Martínez, da Salceda, O Pino (30 euros).
O mesmo ocorreu na categoría de galiñas piñeiras, que estivo dotado cos memos premios en metálico. Gañou o veciño do Corgo (Lugo), Germán Neira Arias; segundo quedou a moañesa Lara Paredes e, como terceiro repiteu Lucas Magadán.
Na categoría de galo de corral gañou Benjamín Camiño Blanco (de Negreira) e segunda quedou Carmen Álvarez Rosales, de Chapela (Redondela).
Ovidio Rodeiro recordou no seu pregón que hai lendas que vinculan aos galos e galiñas co Camiño de Santiago, que hoxe tamén conviven no Pino, última etapa do Camiño Francés a Compostela. Rodeiro recordou que o “impulso que dende a Xunta de Galicia, sobre todo a partir do Xacobeo de 1993, significou un pulo considerable para os pobos” que están na veira da ruta, como e o caso do Pino. “Un Camiño que, xunto coa boa xestión municipal, fai que hoxe O Pino sexa un concello vivo, en expansión, que atrae a novos veciños e veciñas e a novas oportunidades de negocio”, afirmou Rodeiro.
Xantar popular e degustación
Antes do pregón, as autoridades fixeron un percorrido pola X Feira Celta e o mercado, que esta fin de semana foi visitado por numerosas persoas, e puideron participar na degustación gratuíta de galiña e galo piñeiro, que esgotou as existencias, a pesares de que se reservaron 400 quilos de produto.
Ao igual que en anos anteriores, as entradas para participar no xantar popular acabaron esgotándose. Foron máis de 1.300 as persoas que degustaron empanada, polbo e, como non, galo piñeiro con patacas un menú elaborado polo restaurante A Magdalena de Castrofeito.
Mostra Cabalar e enganche de carruaxes
E mentres uns participaban na feira celta ou na feira de galos vivos, outros admiraban os centos de cabalos e égoas que participaron nos diferentes concursos da Mostra Cabalar, que durante todo o día se disputaron nos arredores da praza de Forcarei.
Este ano, como novidade, celebrouse no Pino a quinta proba puntuable para o Campionato Galego de Enganches de Carruaxes, que o propio Manuel Taboada e, Moncho Vázquez, representante da Federación Galega, aseguraron seguirá celebrándose no Pino coincidindo coa festa. Os gañadores en categoría limonera foron Diego Souto, Enrique Sierra e Emiliano González. En categoría tronco os mellores foron Carlos Otero e Manuel Mistal; e na categoría libre Tamara Abilleira e Cristina Corder levaron os primeiros premios.
Autoridades asistentes