O voo das aves rapaces, entre as que había aguias e voitres, é un dos espectáculo que esperta máis admiración entre os visitantes da Feira Celta do Pino, que hoxe celebra a segunda xornada. Ata o punto de que moitos deles, sobre todos o máis novos, anímanse a coller o guante para que as aves se pousen nas súas mans.
A presenza de veciños e visitantes e constante na praza de Forcarei para contemplar os diferentes postos de artesanía e o traballo dalgúns dos artesáns presentes na Feira Celta. O ferreiro é un dos que xera maior expectación, sobre todo cando se pon a acuñar moedas medievais, ou cravos e outras figuras que, pese ao forte calor, fai en directo despois de poñer o ferro incandescente na súa forxa.
As tecedeiras de lá, elaborando diferentes pezas nun dos postos, ou ovellas en outro, tamén chama a atención de moitos visitantes, así como o traballo dos carpinteiros e do posto de tallado de cornos. Moitos peregrinos páranse a preguntar para que se utilizan estes típicos instrumentos celtas que, nuns casos, úsanse como instrumento sonoro e, noutros, como contedor de diferentes bebidas.
Unha das que máis traballo tivo dende que empezou a Feira Celta foi Alicia, a maga da compañía Kaskabella, á que se achegaron moitas nenas e nenos dispostos a escoitar os seus contacontos, xogar cos monicreques ou quedar sorprendidos cos seus xogos de maxia.
E entre os paseos das ocas, dos dromedarios e dos burros, que volven estar presentes na Feira Celta do Pino, outros dos animais que causaron sensacións contraditorias entre os visitantes son as dúas serpentes que pasearon pola feira os profesionais de El Batán, unha boa constritor que os acompaña dende hai 20 anos e unha pitón tigrina albino. Algunhas persoas animáronse a tocarlles, sobre todo a xente nova, mentres outros afastábanse destes animais.
Os músicos do grupo Rapax son os encargados de animar a feira coa súa música, percorrendo tamén a rúa do mercado, no que os visitantes atopan diferentes postos de artesanía con todo tipo de produtos, dende xoias ata sombreiros, produtos aromáticos, monecos ou diferentes alimentos.
Unha ampla oferta para que todos os que se acheguen este fin de semana ata a capital do Pino poidan gozar cun amplo programa de actividades. E para repoñer forzas, dous postos de comida no propio mercado.
Mañá, día grande coa Festa do Galo Piñeiro
Hoxe pola noite o espectáculo Quimera, no que a compañía de novo circo de Pablo Méndez mestura acrobacias, luz e música, servirá de aperitivo para o día grande da XIX Festa do Galo Piñeiro, que mañá, domingo, reunirá a milleiros de persoas en Pedrouzo.
Ademais de continuar o mercado e as diferentes exhibicións da Feira Celta, ás dez da mañá abrirase ao público a feira de galos e galiñas vivas de raza piñeira, na que se agardan máis de 30 parellas para competir polos premios aos mellores exemplares desta raza autóctona.
E a mesma hora (10.00), no recinto habilitado preto da praza de Forcarei, empezarán tamén as diferentes probas de exhibicións da Mostra Cabalar, na que participarán decenas de equinos, xinetes e propietarios que optan aos case 4.000 euros en premios.
Dúas exhibicións daranlle un realce especial a esta mostra. Ás 12.00 celébrase, por primeira vez no Pino, unha proba do Campionato Galego de Enganches de Carruaxes, e, ás 18.30 horas, está previsto que empece o espectáculo Duende Ecuestre con diferentes exhibicións e mostras de habilidade. Como todos os anos outorgarase o Premio Especial Faísca ao mellor animal de pura raza española nado e criado e criado en Galicia, que, ademais, servirá para promocionar a mostra do ano que ven, xunto á do mellor galo piñeiro.
E, en paralelo, ao mediodía os xigantes e cabezudos da Asociación Cultural Espanada Gaiteiros e Cabezudos percorrerán as rúas de Pedrouzo e do mercado celta, á unha haberá unha degustación gratuíta de galo piñeiro nos postos habilitados para elo e, ás dúas, antes da entrega de premios, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, lerá o pregón desta XIX Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar.
Aqueles que desexen participar mañá, domingo, na comida popular, deberán retirar as correspondentes invitacións no stand que o Concello ten habilitado na Feira Celta, a un prezo de 20 euros por comensal.
O Concello de O Pino organiza a XIX Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar e a X Feira Celta, e conta co apoio da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Agadic (Axencia Galega das Insutrias Culturais), Abanca e da empresa Balcone, que se encarga da coordinación da Feira Celta.
Podes ver o album de fotos da Feira Celta no Facebook do Concello, neste enlace.