Fabiola García sinala que a veciñanza gañará en calidade de vida con estes dous recursos de atención pública e gratuíta para maiores do municipio ||
Contarán con servizo gratuíto de transporte para as cinco persoas que pode atender cada unha delas ||
Lorena González pon en marcha a casa do maior de Ferreiros, e Yodaris Garrote, a de Lardeiros ||
O alcalde Manuel Taboada, acompañou esta mañá a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que se achegou ata O Pino para coñecer as instalacións das dúas novas casas do maior que acaban de abrir as súas portas en Ferreiros e Lardeiros. A conselleira sinalou que os veciños e veciñas do municipio gañarán calidade de vida coa apertura destes recursos. Nas vindeiras semanas as primeiras persoas usuarias empezarán a utilizar estes novos servizos para maiores.
Fabiola García visitou a casa do maior do Marquiño, situada na parroquia de Lardeiros e lque está promovida por Yodaris Gutiérrez; e a de Boavista, en Ferreiros, que xestiona Lorena González. Ambas constitúen os primeiros recursos gratuítos de atención a persoas maiores do Pino. Na visita tamén participaron o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e integrantes do goberno municipal do Pino,
Situadas nas antigas escolas unitarias de ambas localidades, en cada casa do maior poderanse atender durante 40 horas semanais, de luns a venres laborais, a un máximo cinco persoas maiores de 60 anos, sen dependencia ou en situación de dependencia de grao un. Tanto Yodaris Gutiérrez como Lorena González adiantáronlle hoxe a conselleira, ao alcalde e ao director xeral que as dúas casas do maior do Pino van contar con servizo de transporte gratuíto para as persoas usuarias.
Durante a visita, Fabiola García trasladoulle aos veciños e veciñas que participaron na xornada de portas abertas que estes servizos están destinados a ofrecer unha atención de calidade aos maiores dos concellos de menos de cinco mil habitantes e nos que non hai outro tipo de recursos. Neste sentido, a conselleira fixo fincapé na importancia de fomentar un envellecemento activo e previr a soidade non desexada.
En Galicia hai máis de 140 casas do maior en funcionamento que supoñen un piar fundamental para fomentar o benestar dos maiores. Ademais, a conselleira destacou a súa importancia para impulsar a conciliación familiar nos territorios máis rurais de Galicia e trasladou o compromiso da Xunta para seguir impulsando iniciativas para o benestar dos maiores.
As casas do maior ofrecen atención de luns a venres, cun máximo de corenta horas semanais. O servizo, atendido por unha persoa autónoma ou cooperativas de traballo asociado, está aberto todo o ano agás festivos e un mes de vacacións.
Manuel Taboada agradeceu a aposta que tanto Yodaris Gutiérrez como Lorena González fixeron por poñer en marcha estas dúas casa do maior no Pino, e sinalou que se hai más persoas autónomas interesadas en montar casas do maior noutras parroquias, “dende o Concello facilitaremos e acondicionaremos os edificios para achegar este servizo tan importante a nosa veciñanza”.