As clases comezan o luns 2 de outubro ||
A rapazada pode elixir entre patinaxe, ximnasia rítmica, bádminton, e fútbol sala ||
Psicomotrocididade, baile moderno e multideporte ofértanse a través da ANPA do CPI subvencionadas polo Concello ||
Zumba, GAP e forza, pilates e ioga comprenden a oferta para maiores de 16 anos ||
O Concello de O Pino abre hoxe o prazo de inscrición nas actividades deportivas municipais para escolares e adultos que se desenvolverán ao longo do curso nos polideportivos de Reboredo (centro escolar) e Lameiro e máis no centro sociocultural Luis Seoane. Tamén poden formalizar a inscrición as persoas interesadas en participar no programa de ximnasia por parroquias dos locais sociais de Pastor, Castrofeito, Lardeiros, Gonzar, Ferreiros e Budiño. As clases comezarán o vindeiro luns 2 de outubro e a matrícula pode formalizarse ata o día 11.
Un ano máis, o Concello vai ofertar multideporte, baile moderno e psicomotricidade de 15.30 a 16.30 horas (excepto os martes) para facilitar a conciliación ás familias con menores escolarizados no CPI Camiño de Santiago, segundo adiantou o alcalde, Manuel Taboada. Deste xeito, as familias que non poidan recoller aos menores as 15.30 horas (momento no que rematan as clases ), poden apuntar aos seus fillos e fillas a estas actividades, que se van desenvolver na sala de usos múltiples do centro escolar e no polideportivo de Reboredo, a carón do colexio, ata las 16.30 horas, momento no que saen os autobuses do transporte escolar.
Aínda que estas actividades que se desenvolven de 15.30 a 16.30 horas están financiadas polo Concello, as familias deben inscribir aos menores a través da ANPA do CPI Camiño de Santiago, ao tempo que se anotan nas actividades que organiza a propia Asociación de Nais e Pais. Para o resto de actividades deportivas municipais poden cubrir os formularios que figuran na páxina web do Concello.
As escolas deportivas municipais funcionarán entre outubro e maio en sete disciplinas: patinaxe artística (cinco niveis), ximnasia rítmica, psicomotrocidade, baile moderno, bádminton, multideporte e fútbol sala. A maioría das clases terán horario de tarde de luns a venres. Só ximnasia rítmica ten programada unha hora os sábados pola mañá, de 10.00 a 11.00, en Lameiro.
O prezo será de 40€ anuais por actividade para menores empadroados e de 60€ para non empadroados. O segundo e sucesivos irmáns así como a realización de máis dunha actividade contarán cunha bonificación do 50%.
As actividades deportivas para adultos, dirixidas a persoas maiores de 16 anos, prolongaranse ata o 28 de xuño de 2024. Poderán escoller entre zumba; glúteos, abdominais, pernas (GAP) e circuítos de forza; pilates ou ioga. Estas disciplinas desenvolveranse no polideportivo de Lameiro, salvo ioga, que se imparte no centro sociocultural Luis Seoane. O prezo será de 55€ anuais por actividade para empadroados e de 75 para non empadroados. Pola segunda actividade e sucesivas pagarase a metade.
Por último, ximnasia por parroquias terá un prezo de 45€ ao ano para persoas empadroadas e de 90€ para non empadroadas. As clases rematarán o 28 de xuño.
Para inscribirse nas actividades deportivas é necesario cubrir o formulario de solicitude e presentalo no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica. Deberá acompañarse do xustificante de ingreso da cota correspondente a cada actividade e do certificado de empadroamento, no caso de contar con bonificación por este motivo. A solicitude pode descargarse na web municipal ou solicitarse na sede do Concello de luns a venres entre as 9.30 e as 14.00 horas.
De precisar máis información, as persoas interesadas poden contactar co departamento municipal de Deportes no enderezo electrónico deportes@opino.gal ou no número de teléfono 981 511 002.
A posta en marcha das actividades está supeditada á existencia dun mínimo de 8 participantes en cada unha delas.
Formulario de inscrición de escolares nas Escolas Deportivas Municipais 2023-24
Formulario de inscrición de adultos nas Escolas Deportivas Municipais 2023-24
Horarios e normas de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais 2023-24
Formulario de pagamento de matrícula nas Escolas Deportivas Municipais 2023-24