O Concello de O Pino organiza un ano máis o seu xa tradicional concurso de postais de Nadal, dirixido ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Os interesados poderán crear unha única postal mediante a técnica artística que desexen e deberán presentala nas oficinas municipais ata o luns 25 de novembro. Os gañadores das diferentes categorías recibirán un premio consistente en material educativo, mais de entre as vencedoras de cada ciclo escollerase unha para felicitar as festas a toda a veciñanza.
O concurso de postais de Nadal de O Pino conta con 5 categorías diferentes divididas segundo os diferentes ciclos que dividen Educación Infantil, Primaria (de 6 a 7 anos, de 8 a 9 anos e de 10 a 11) e Educación Secundaria. Deste xeito, cada alumno/a ou grupo que participe deberá presentar unha única postal de deseño libre que inclúa unha mensaxe ou desexo para o ano 2020, cun tamaño máximo de DIN-A4 e elaborada seguindo calquera tipo de técnica artística (pinturas, acuarelas, témperas, collage…). As obras participantes deberán ter os datos persoais do/s autor/es no reverso.
Cada categoría contará cunha postal gañadora, de modo que os autores recibirán un premio o día da Cabalgata de Reis, consistente en libros en galego e outros elementos educativos. Un dos deseños galardonados utilizarase coma felicitación das festas de Nadal para toda a veciñanza de O Pino.
Os interesados deberán presentar as súas postais no CPI Camiño de Santiago, no Concello de O Pino, ou no Centro Sociocultural Luís Seoane de Arca. O prazo de presentación remata o luns 25 de de novembro.
As bases do concurso poden consultarse a continuación.
Bases do concurso de postais de Nadal 2019