- Establece a creación dun rexistro municipal así como os requisitos para obter a necesaria licencia //
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle hoxe, venres 26 de novembro, a actualización da ordenanza municipal do Pino relativa á posesión de animais perigosos coa fin de adaptala as últimas normativas estatais e autonómicas. O novo regulamento fixa os requisitos para a concesión e renovación das licencias administrativas necesarias para a tenza deste tipo de animais, así como a creación dun rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
A ordenanza recolle que toda persoa que conduza ou controle, de forma habitual ou ocasional, un animal cualificado como perigoso deberá estar en posesión dunha licencia administrativa expedida ao seu nome. Esta licencia deberá solicitarse por medio dunha instancia no Rexistro do Concello. Para poder facelo, a persoa interesada terá que ser maior de idade, dispoñer dun certificado de capacidade física e aptitude psicolóxica, susbcribir un seguro de responsabilidade civil cunha cobertura mínima de 125.000 euros e contar co microchip do animal. As licencias terán unha vixencia de cinco anos.
Tamén se creará un Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos, no que se inscribirán todos aqueles que teñan a súa residencia habitual no Concello do Pino. O propietario deberá inscribilos neste rexistro nun prazo máximo de quince días dende a obtención da licencia. No caso de que xa tivera outros, o prazo se computará dende a adquisición do animal.
As obrigas de coidado e instalacións, ademais das posibles infraccións, quedan tamén contemplados na nova ordenanza e poden consultarse no arquivo adxunto.
Nova ordenanza de posesión de animais potencialmente perigosos