A Consellería de Medio Rural vai ter expostos durante un mes a rede de camiños principais da concentración parcelaria de monte da parroquia de Gonzar, segundo explicou esta mañá o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, na reunión que mantivo cun cento de propietarios na casa de cultura de O Pino. Os planos estarán expostos no local social de Gonzar e máis no Concello, e tamén se poden consultar na web da Consellería (preme neste enlace) para que se poidan presentar alegacións.
Pérez Dubois recordou que na concentración de monte de Gonzar a Xunta xa leva investidos 250.000 euros, ao que haberá que engadir preto de 1,8 millóns de euros que se destinará para abrir 32 quilómetros de pistas forestais, 9 deles totalmente novos e, o resto, sobre camiños xa existentes. A rede viaria terá unha plataforma de 4 metros de ancho, máis beiravías, polo que se liberarán ata 10 metros de ancho.
A concentración de monte de Gonzar, que está en fase de bases definitivas, abrangue unha superficie de 854 hectáreas, propiedade de 532 veciños. “Agora comeza a exposición pública dos planos e no primeiro trimestre de 2020 as máquinas abrirán as pistas. Dende a Xunta, unha vez aprobada a Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, queremos que as propiedades se usen e sexan rendibles”, explicou o director xeral, que recordou que o ano que ven o Goberno autonómico vai investir 20 millóns de euros en concentracións parcelarias.
Na reunión tamén estiveron presentes o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, e máis o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, quen pediu desculpas polo retraso no proceso, motivado polos problemas coa declaración de impacto ambiental “e porque a parcelaria é un proceso moi garantista”.
Os planos co deseño da nova rede viaria desta parcelaria poderase consultar no local social de Gonzar, na casa consistorial de O Pino e na web da Xunta (neste enlace). O proxecto de camiños principais, que xa se expón en paralelo a rede viaria para axilizar os trámites, poderase consultar no concello de O Pino. Durante un mes os propietarios poderán presentar alegacións por escrito no rexistro do Concello, no da Xunta ou en calquera outro rexistro oficial.
Unha vez resoltas as alegacións que se presenten, a Xunta elaborará o proxecto definitivo e convocará aos propietarios a unha nova reunión antes de marcar os puntos polo que se farán as pistas. “Antes de poñer as estacas falaremos de novo cos propietarios para que poidan saber exactamente por onde irán os viais, que terán unha afectación duns 10 metros de ancho, e poidan cortar a madeira”, explicou a xefa de servizo da delegación territorial da Consellería. As obras para facer as pistas da concentración de monte de Gonzar poderían comezar o vindeiro mes de marzo.
Na reunión que mantiveron o pasado martes, día 12, os membros da xunta local da parcelaria (todos eles veciños de Gonzar) e o alcalde xa lle pediron aos técnicos que contemplen facer ‘abanicos’ nos cruces das pistas, ampliar a zona de rodadura para facilitar o tránsito, o viraxe e as manobras tanto da maquinaria agrícola como de vehículos pesados.
Actualizar títulos de propiedade
Outro dos temas que pediron hoxe os representantes da Consellería de Medio Rural é que aqueles veciños que compraran leiras ou herdaran propiedades na parroquia de Gonzar actualicen a información e a remitan a Delegación Territorial (poden facelo a través do Concello de O Pino) para ter en conta aos propietarios actuais no momento de facer a distribución e asignación das novas parcelas.
As bases da concentración parcelaria de monte de Gonzar son do ano 2008, polo que os técnicos consideran que houbo moitos cambios de propiedades dos terreos. “Se aportan agora a documentación, o proceso é moito máis fácil e non se retrasa nada”, indicaron na reunión.