Centos de persoas déronse cita na área recreativa da Magdalena ||
A xornada comezou cunha ‘festa holi’ na que todos os participantes se encheron de cor ||
Os xogos de pistas e o Mago Cali serviron de aperitivo para o xantar popular ||
‘A eira do paporrubio’, ‘O estrano caso do dentista da rúa Brasov’ e a actuación de Uxía Lambona e a banda molona foron outros dos pratos fortes da xornada ||
A primeira edición da Festa da familia O papaventos, que organiza o Concello de O Pino, xuntou o sábado 17 de setembro na área recreativa da Magdalena a centos de persoas de todas as idades, maioritariamente menores, con moitas ganas de pasalo ben e de gozar dunha ampla e variada oferta de actividades para toda a familia.
A festa holi permitiulles a pequenos e maiores encher de cor á carballeira e ao resto de participantes. Todos remataron coa súa roupa decorada con vistosas cores. Nenas e nenos apuntáronse enseguida ao xogo de pistas na carballeira, para atopar as mensaxes que permitían avanzar nesta divertida actividade. Mentres uns preferían xogar cos aros ou andar enriba de latas de conserva, os maiores, incluídos avós e avoas, conversaban animadamente.
A actuación do mago Cali sorprendeu ao público cos seus trucos de maxia. Coa súa actuación remataron as propostas da mañá e comezou un xantar popular no que moitas persoas levaron a comida da casa e outros preferiron sentar nas mesas da pulpería Potel para degustar polbo e churrasco antes de iniciar unha tarde con moita máis actividades.
Os obradoiros de camisetas e papaventos, os xogos que ofrece A eira do paporrubio e o teatro de rúa O estrano caso do destista da rúa Brasov deron paso ao concerto de Uxía Lambona e a banda molona, co que rematou esta primeira edición da Festa da familia O papaventos que organizou a Concellaría de Cultura do Pino.
Enlace ao álbum de fotos da I Festa da familia O papaventos, na páxina de Facebook municipal.