A mostra de cociña e degustación de produtos de proximidade vaise celebrar na casa de cultura ||
A participación é aberta e gratuíta pero require inscrición previa ||
A iniciativa forma parte da programación O Teu Xacobeo ||
O chef Miguel Mosteiro elaborará tres pratos en directo centrados no Galo Piñeiro e no queixo Arzúa-Ulloa ||
Adolfo Enríquez ofrecerá un taller de fotografía gastronómica ||
O vindeiro mércores, día 7, O Pino promocionará a súa gastronomía quilómetro cero no Centro Cultural Luís Seoane co evento ‘saborEarte’. Será a partir das 18:30h cando o cociñeiro Miguel Mosteiro, promotor da iniciativa, ofreza un showcooking (ou exhibición) coa elaboración de tres pratos en directo, centrados nos produtos de proximidade do municipio, como o Galo Piñeiro e o queixo Arzúa Ulloa. Os participantes inscritos terán a oportunidade de asistir á preparación das distintas propostas e degustalas de forma totalmente gratuíta.
A do Pino será a última oportunidade para gozar desta segunda edición do proxecto ‘saborEarte’. A iniciativa, que este verán xa visitou Palas de Rei, Catoira, Miño e Rodeiro, ten como obxectivo destacar os produtos de proximidade dos territorios do Camiño, póndoos en valor como elementos singulares e fundamentais para a promoción das rutas xacobeas.
Ademais de explicar as bondades e características dos produtos gastronómicos da zona a través da elaboración de tres pratos, a xornada ‘saborEarte’ servirá para abordar outras cuestións estreitamente ligadas á chamada cociña quilómetro cero, como o ecoloxismo e o desenvolvemento sustentable do territorio.
Como complemento á actividade, o evento contará coa participación do fotógrafo Adolfo Enríquez, encargado de ofrecer un pequeno taller de fotografía gastronómica, no que compartirá cos asistentes consellos e recomendacións para sacar o maior partido ás instantáneas de pratos e produtos.
As de ‘saborEarte’ son citas de participación aberta e gratuíta. Con todo, as prazas para sentarse a gozar dos pratos elaborados durante o showcooking son limitadas, polo que é necesario formalizar a inscrición a través do teléfono 981511065 ou do correo electrónico turismo@opino.gal. Podes cubrir o formulario que figura no arquivo adxunto e remitilo a turismo@opino.gal.