-
Foron adquiridas con fondos propios do Concello
-
A Comisión municipal do COVID-19 decidiu onte entregalas porta a porta tamén en Arca
-
Colaboran persoal municipal, concelleiros do goberno, directivos da AAVV de Arca, ANPA, Club Atletismo O Pino e voluntarios das diferentes parroquias
O Concello de O Pino empezou a repartir hoxe as 10.000 mascarillas que mercou con fondos propios para entregarlle dúas a cada unha das persoas empadroadas no municipio. Finalmente, a Comisión municipal do COVID-19 decidiu onte o reparto porta a porta tamén en Arca, para evitar que as persoas que viven na capital tiveran que achegarse ata o concello. Na distribución participan persoal municipal, membros do goberno, directivos da Asociación de Veciños de Arca, da ANPA, do Club Atletismo O Pino e voluntarios de diferentes parroquias.
Despois de varias semanas de xestión, o pasado mércores chegaban ao concello as primeiras mil unidades e esta semana completouse o lote de dez mil mascarillas. Esta mañá estivéronse preparando os lotes para entregar en cada casa dúas a cada unha das persoas empadroadas no Pino.
Con esta iniciativa, o alcalde quere facilitarlle medidas de protección á veciñanza para evitar a propagación do coronavirus COVID-19. Aínda que inicialmente estaba previsto que os residentes en Arca se achegasen a recollelas á casa do concello, a Comisión municipal do COVID-19 decidiu onte que se entregasen persoalmente tamén na capital municipal, para evitar posibles aglomeracións e que as persoas tiveran que saír da casa.
Na tarefa de reparto que comezou esta tarde participan unhas 25 persoas, entre persoal municipal, membros do equipo de goberno, directivos da AAVV de Arca, da ANPA e do Club Atletismo O Pino; así como voluntarios das diferentes parroquias. Un participación que o alcalde “agradece a todos os que se ofreceron voluntarios e que nos permitirá que entre hoxe á tarde e mañá, mércores, pola mañá, rematar a distribución”.
Dende Lardeiros, Mercedes amosaba a súa satisfacción polas mascarillas que lle entregaron esta tarde. “Era imposible atopalas nas farmacias. Teño dúas nenas e cando ia a compra levaba unha bufanda. Por aquí hai moita xente maior que está sen elas e levaba xa tempo pedíndoas. Hai veciños que preguntaban como conseguir as mascarillas, e algún chamou incluso ao Concello para pedilas”.
“É unha boa iniciativa”, di Montse. “Somos catro persoas na casa e non tiñamos ningunha. Todos tiñamos dúbidas de se había que usalas ou non, por todo o que se escoitaba estes días. Agora as aproveitaremos”, sinala, considera esta veciña de Arca, que recoñece que “había moita expectación” entre os veciños “por saber cando chegarían. Algúns incluso dubidaban de que dende o Concello se chegarían a repartir”.
A dúbida quedou resolta esta tarde, cando se empezaron a repartir polas parroquias e no propio núcleo de Pedrouzo. En Arca, nas vivendas nas que non había ninguén na casa, o persoal que as estaba repartindo deixou as mascarillas no caixón do correo.
Unha vez completado o reparto, as mascarillas sobrantes van completar a dotación de material de protección remitido pola Xunta de Galicia para o persoal que traballa no Servizo de Axuda no Fogar e para o persoal municipal que fai labores de limpeza.
Desinfección constante de espazos públicos
Ademais do reparto de mascarillas entre toda a veciñanza, o Concello do Pino leva dende o 24 de marzo desinfectando os espazos públicos máis concorridos do municipio e o exterior e accesos dos locais que permanecen abertos. Da primeira limpeza, no exterior do centro de saúde e supermercados, encargouse unha empresa especializada contratada polo Concello. Dende entón é persoal municipal o que se encarga destas tarefas de desinfección que dende hoxe se amplía tamén aos contedores do lixo en todas as aldeas do municipio.
O Concello de O Pino está a utilizar unha media de 60 litros de hipoclorito e 3.000 litros de auga nestas tarefas de desinfección, que se fan a diario nos exteriores do centro de saúde, farmacias, supermercados, gasolineiras, beirarrúas, contedores e entrada a portais dos edificios, así como de centros públicos en todo o municipio, como medida para evitar a propagación do COVID-19. Dende hoxe tamén irán polas aldeas para limpar os contedores do lixo. Unha actuación financiada con fondos do concello.
Servizo de fotocopias escolares e reparto de alimentos
Dende o departamento de Servizos Sociais, o persoal municipal está en contacto telefónico constante con aquelas persoas máis vulnerables para coñecer a súa evolución e tratar de axudarlle a solucionar as necesidades que vaian xurdindo.
Nesta liña, o Concello, dentro das súas posibilidades, achégalles alimentos, medicinas ou produtos de primeira necesidade a aquelas persoas máis vulnerables que non se poden desprazar, ou contacto cos diferentes supermercados do municipio coa intención de que todos os veciñas e veciñas teñan as súas necesidades básicas cubertas.
A finais do pasado mes de marzo, en colaboración co Banco de Alimentos Rías Altas, dende o Concello do Pino repartíronse máis de 2.000 quilos de alimentos non perecedoiros entre as familias con menos recursos.
O persoal do Servizo de Axuda no Fogar está a ampliar tamén a atención aos usuarios que viñan recibindo asistencia nos seus fogares cun importante número de horas, que agora se viron incrementadas coa decisión da Xunta de Galicia de asignar máis recursos a este servizo.