-
As axudas están cofinanciadas pola Deputación da Coruña ||
-
As persoas interesadas deberán presentar a solicitude ata o 25 de novembro na sede electrónica do concello ||
-
Poden destinar a axuda a financiar gastos correntes: compra de material, arrendamentos e canons, reparación e conservación, primas de seguros e subministracións ||
-
Os anexos para solicitar axudas e as bases pódense consultar nos arquivos adxuntos ||
O Concello de O Pino destina 78.466,62 euros a axudas para persoas autónomas e microempresas radicadas no municipio. Estas subvencións inclúense dentro do Plan PEL Reactiva 2020, cofinanciado pola Deputación da Coruña nun 80 por cento. O principal obxectivo deste programa é impulsar a actividade económica e o emprego no municipio do Pino e contribuír a paliar, na medida do posible, os danos derivados da pandemia da covid-19 nas pequenas empresas e persoas autónomas, financiando gastos correntes, para contribuír á súa recuperación e viabilidade no novo contexto socioeconómico. As bases da convocatoria e os anexos que se precisan cubrir para solicitar estas axudas, pódense descargar nos documentos adxuntos que figuran ao final desta nova.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publicou o 5 de agosto o anuncio da convocatoria desta liña de axudas (preme aquí). O 12 de agosto publicouse no BOP unha modificación da resolución (preme aquí para consultala) As persoas interesadas deberán presentar as solicitudes por vía telemática a través da Sede Electrónica do concello de O Pino (preme aquí) utilizando o modelo normalizado de solicitude dispoñible na mesma, e deberán achegar a documentación establecida. O prazo para remitir a documentación finaliza o vindeiro 25 de novembro ás 14.00 horas.
O período subvencionable establécese entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2020. As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a documentación xustificativa antes do 31 de marzo de 2021.
Requisitos básicos
Os requisitos básicos para acceder ao programa PEL Reactiva 2020 da Deputación da Coruña son os seguintes:
- Ter o domicilio fiscal no Concello de O Pino.
- Non atoparse incurso en ningunha das circunstancias recollidas nos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/20003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
- Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT, TXSS, Concello de O Pino, Comunidade Autónoma de Galicia e coa Deputación Provincial da Coruña.
- Cumprir coas obrigas establecidas na base 14 das reguladoras destas subvencións.
- No caso de persoas autónomas: estar dado de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro por conta propia da Seguridade Social, ou como mutualista de colexio profesional, con anterioridade ao 14 de marzo.
- No caso de micropymes: a data de constitución da empresa (data de primeira inscrición no rexistro público correspondente) debe ser anterior ao 14 de marzo.
Quen pode solicitar este programa de axudas
Poderán solicitar esta subvención as persoas traballadoras autónomas con ou sen traballadores/as ao seu cargo e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que se atopen nalgún dos seguintes supostos:
- Grupo I: Que se visen afectados polo peche en virtude do disposto no RD 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e a súa modificación aprobada no RD 465/2020, do 17 de marzo.
- Grupo II: Que non se visen afectados polo peche, pero cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vira reducida, polo menos nun 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma. Cando a persoa física ou xurídica non leve de alta o seis meses naturais esixidos para acreditar a redución dos ingresos, a valoración levarase a cabo tendo en conta o período de actividade.
- Grupo III: Que se viran na obriga de acollerse a un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego), nos termos establecidos no RD 465/2020, do 17 de marzo.
Para os efectos destas subvencións terán a categoría de microempresa aquelas empresas que ocupan a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non excedan de 2 millóns de euros.
Gastos subvencionables
Con cargo a esta líñas de axudas, as persoas autónomas e empresas poderán obter financiación para facer fronte aos gastos correntes seguintes (o IVE non é subvencionable):
- Compra de material antiséptico ou desinfectante, produtos hixiénicos e de limpeza
- Arrendamentos e canons
- Reparación e conservación (adaptación de locais ás medidas deprotección fronte á covid-19
- Primas de seguros (responsabilidade civil, accidentes)
- Subministracións (auga, gas, combustibles, electricidades)
Bases e anexos da convocatoria
Nos anexos que figuran a continuación pódense consultar tanto a resolución da alcaldía que saiu publicada hoxe no BOP (ver aquí), así como as bases das convocatoria. Tamén figuran os anexos 1 e 2 que deben cubrir as persoas interesadas en recibir estas axudas. Unha vez cubertos estes anexos, deberán solicitar a axuda a través da sede electrónica do Concello de O Pino (preme aquí), dentro do apartado de subvencións, en solicitar subvención.