- Os víveres foron facilitados polo Banco de Alimentos Rías Altas e chegarán a preto dun cento de familias |
- O Concello suma os produtos recollidos no Nadal Benéfico e garante o subministro a todas as persoas que o poidan necesitar |
O Concello de O Pino comezou esta mañá o reparto de máis de 2.000 quilos de alimentos non perecedoiros entre as familias con menos recursos do municipio. O Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña facilitou estes alimentos, aos que o Concello engade os produtos que durante o Nadal Benéfico doou a veciñanza, para que todas as persoas do municipio en maiores dificultades teñan garantido o subministro de alimentos e produtos básicos.
O Concello garante que toda a veciñanza que o precise recibirá alimentos e amosa a súa disposición a destinar fondos propios para mercalos, sempre que o departamento de Servizos Sociais así o recomende despois de analizar a situación de cada solicitante.
O reparto comezou xa esta semana. Dende o Concello estánselle achegando alimentos non perecedoiros a preto dun cento de familias. Este é o primeiro dos tres repartos que fai o Concello de O Pino cada ano, aínda que dada a situación de estado de alarma e crise sanitaria polo coronavirus Covid-19 que estamos a vivir, o alcalde asegura que “ningunha familia de O Pino que o precise quedará sen alimentos”.
Nesta liña, Manuel Taboada pídelle a todas aquelas persoas que estean pasando por unha situación de especial dificultade que chamen aos Servizos Sociais do Concello, ao teléfono 981 511 002, “para explicarlle a situación e tratar de buscarlle unha solución entre todos”. Taboada recorda que xa dende Servizos Sociais se está a chamar a todas as persoas que constan na base de datos “e aquelas que pensamos precisan axuda, ofrecéndonos dende o Concello a xestionar a compra de alimentos ou medicinas. Se fose o caso, tamén lle podemos achegar produtos de primeira necesidade”, recorda o alcalde.