Quen o desexe poderá percorrer o 9 de marzo un tramo do Camiño de Santiago, entre o albergue Ponte de Ferreiros e Pedrouzo, onde se lerá o manifesto institucional || O Concello trasladará as persoas participantes ás 10.30 horas dende a casa da cultura ata o punto de saída da andaina || A Banda de Música de Arca ofrece un concerto na casa de cultura || Escape room para alumnado no que poderán coñecer a mulleres pioneiras en diferentes ámbitos || Haberá unha campaña de sensibilización en colaboración co comercio local ||
O Pino celebrará o vindeiro 8M, Día Internacional da Muller, con diferentes actos dirixidos a persoas de todas as idades, entre os que se atopan a ‘Andaina pola igualdade’, unha sesión de escape room para alumnado de 6ª de Primaria e 1º de ESO, unha campaña de sensibilización en colaboración co comercio local e charlas sobre temas de actualidade, que organizará o Concello; e o concerto da Banda de Música de Arca.
Coa ‘Andaina pola igualdade’, o Concello do Pino quere amosar o seu compromiso cos dereitos fundamentais, coa liberdade e coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. A iniciativa conta coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta e do Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade.
Esta andaina celebrarase o sábado, 9 de marzo, no tramo do Camiño de Santiago entre a parroquia de Ferreiros e O Pedrouzo. Cando rematen a camiñada todas as persoas participantes lerase o manifesto institucional.
As persoas que estean interesadas en participar están citadas na casa da cultura (centro sociocultural Luis Seoane). Dende aquí sairá un autobús ás 10.30 horas para trasladar as persoas asistentes ata o punto de partida, no albergue Ponte de Ferreiro, para comenzar a andaina.
Xunto con esta actividade, e para conmemorar o 8M, a Concellería de Cultura organizará tamén unha sesión de escape room dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e 1º da ESO do CPI Camiño de Santiago. Nesta actividade, a mocidade poderá descubrir e coñecer algo máis dalgunhas mulleres que foron pioneiras en diferentes eidos, ao tempo que pasan unha mañá divertida e participan en accións de sensibilización sobre igualdade.
Este ano o Concello de O Pino volve organizar unha campaña de sensibilización social en colaboración co comercio local, coa colocación de carteis informativos.
O Concello tamén vai organizar diferentes charlas formativas sobre temas de actualidade e empoderamento feminino nunhas datas aínda por concretar.
A esta programación municipal súmase tamén o concerto que a Banda de Música de Arca vai ofrecer o sábado 9 de marzo, a partir das 19.00 horas, no auditorio do centro sociocultural Luis Seoane.
A ONU declarou en 1975 o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller. Para o Concello de O Pino esta é unha data reivindicativa coa que se fai visible a necesidade de seguir a reclamar aspectos básicos como a erradicación de violencias machistas, a igualdade salarial, a universalización dos coidados, etc. Unha data para por de manifesto que a equidade entre os xéneros é unha cuestión de interese público que engloba a toda a humanidade.