A veciñanza de O Pino poderá gozar dende hoxe da piscina municipal de Lameiro. O Concello inaugura así a tempada de verán na piscina municipal, que estará aberta ao público en horario de 12.00 a 20.00 horas de luns a domingo.
Segundo a normativa establecida pola Xunta de Galicia, a ocupación da instalación non poderá superar o 75% da súa capacidade. Se a demanda supera o aforo permitido, establecerase un servizo de cita previa.
Nas oficinas municipais xa se poden obter os bonos para o acceso á piscina ou apuntarse aos cursos de natación, que darán comezo a vindeira semana e desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto. Poderanse obter na Casa do Concello, todas as mañás de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas.
En canto aos diferentes prezos, os bonos gozan dunha gran vantaxe. Fronte aos 3,60 euros que custa unha entrada diaria, os residentes en O Pino poden comprar o bono por 12 euros os adultos e 6 euros os nenos ata dezaseis anos incluídos. Para os non residentes no concello, as tarifas bonificadas duplícanse, 24 euros para os adultos e 12 para a rapazada. Ademais, os cativos menores de dous anos poden entrar de balde á piscina e tamén existe a posibilidade de comprar un bono familiar, que teñen o seguinte custo:
- Bono pai e nai: 15 euros
- Cota primeiro fillo: 6 euros
- Cota segundo fillo: 3 euros
- Cota terceiro fillo: gratis
Os cursos de natación celebraranse en dúas quendas de luns a xoves de 12.30 a 13.15 horas, pero tan só se poderá ir dous días á semana e tamén é obrigatorio estar previamente aboado. Os nenos ata dezaséis anos poden inscribirse por 3 euros ao mes, mentres que os adultos por 9 euros. Tamén os rapaces e rapazas gozarán dun desconto do 25% para o acceso á piscina se posúen o carné xove.