• Os alcaldes de O Pino e Arzúa destacan a importancia da motivación do alumnado para formarse e atopar traballo
• A Xunta inviste 288.000 euros nesta iniciativa que terá nove meses de formación
• Ovidio Rodeiro destaca que o 60 por cento dos asistentes a obradoiros de emprego incorporase ao mercado laboral
Vinte persoas desempregadas de O Pino e Arzúa empezaron esta mañá nove meses de formación en Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería no primeiro obradoiro de emprego conxunto no que participan ambos concellos. Os dous alcaldes, Manuel Taboada e José Luis García, pedíronlle ao alumnado que “acuda motivado” para aproveitar esta oportunidade para incorporarse ao mercado laboral. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, recordou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 288.000 euros nesta iniciativa e resaltou que o “60% dos participantes nos obradoiros de emprego atopan traballo nos seis meses seguintes a rematar a formación”.
O Concello de O Pino promove esta obradoiro de emprego, compartido co de Arzúa, para poñer en valor puntos estratéxicos do Camiño Francés a Santiago ao seu paso por ambos municipios. Os vinte alumnos-traballadores formaranse durante nove meses desenvolvendo actuacións de xardinería e mantemento en carballeiras e áreas de descanso, así como na mellora do aspecto visual do Camiño coa ocultación dos contedores de lixo.
Durante a inauguración, Manuel Taboada, agradeceu a colaboración do Concello de Arzúa para poñer en marcha forma conxunta esta e outras iniciativas. Así mesmo, recordoulle aos alumnos e alumnas que unha vez rematado o obradoiro de emprego recibirán un certificado de profesionalidade válido para toda España, o que lles facilitará incorporarse ao mercado laboral.
De xeito similar se expresou o alcalde de Arzúa, José Luis García, que insistiu na necesidade de que todos os participantes no obradoiro acudan motivados á formación para aproveitar esta oportunidade para atopar un traballo.
Ovidio Rodeiro recalcou que os obradoiros de emprego forman parte dun dos programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que máis demanda teñen “porque os programan os concellos tendo en conta as necesidades das empresas do entorno”. Neste senso recordou que o 60% do alumnado que participa nos obradoiros atopa traballo nos seis meses seguintes a completar a formación.
Rodeiro animou ao alumnado “a traballar duro para aproveitar ao máximo esta oportunidade” e recordoulles que dende o primeiro momento deben “empezar a contactar coas empresas” que lles poden ofrecer traballo.
Este obradoiro é un programa mixto de formación e emprego, polo que contará cunha parte teórica e outra práctica. A teórica realizarase no concello de O Pino, e as prácticas faranse nos dous concellos participantes. Ao rematar o acto de inauguración do curso, o alumnado visionou un vídeo sobre motivación.
Ovidio Rodeiro recordou que a Xunta de Galicia está a financiar once obradoiros de emprego na comarca de Santiago, nos que a Consellería de Economía Emprego e Industria inviste 2,6 millóns de euros para formar a 190 persoas desempregadas.