-
A moción dos nacionalistas en contra das peaxes nas autovías foi aprobada cos votos a favor de BNG e PP e en contra dos socialistas ||
O Pleno do Pino aprobou esta mañá por unanimidade fixar como festivos locais para o vindeiro ano 2022 o 29 de xuño (festividade de San Pedro) e o 22 de xullo (festividade da Madalena). Na sesión tamén se aprobou a moción presentada polo grupo do BNG opoñéndose a establecer peaxes nas autovías, que contou co respaldo dos dous concelleiros nacionalistas e dos 6 do PP.
A proposta presentada polo BNG considera que as peaxes nas autovías suporá un atranco para a cohesión en Galicia e solicita que se dea traslado do acordo tanto ao Goberno central como aos grupos políticos do Congreso, como defendeu José Luis Vidal. Dende o PP, o alcalde, Manuel Taboada, apoiou a iniciativa engadindo que o ministro de Fomento comprometérase a rebaixar as peaxes da autoestrada AP-9 para o 1 de xullo e, de momento, esa rebaixa non se vai facer efectiva mañá. Na votación, a iniciativa do BNG contou con 8 votos a favor (6 do PP e 2 dos nacionalistas) e 3 votos en contra (PSdeG).
O equipo de goberno rexeitou a moción presentada polos socialistas, na que solicitaban que se recuperen as consultas presenciais no centro de saúde, argumentando que dende o Sergas xa se estaba traballando nesa liña e reforzando a atención primaria. O alcalde engadiu que a decisión de restrinxir as consultas presenciais foi unha decisión do comité técnico e dos propios facultativos e que na actualidade xa se están recuperando as consultas presenciais, exceptos nos casos que non son imprescindibles. A proposta contou con 5 votos a favor (PSdeG e BNG) e 6 en contra (PP)
O mesmo resultado obtivo a moción socialistas solicitando unha área de autocaravanas no Pino, que foi rexeitada cos 6 votos do equipo de goberno fronte aos 5 do PSdeG e do BNG. O alcalde replicou que dende a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés xa se está a negociar con Turismo de Galicia a creación de áreas de autocaravanas nos once concellos galegos.
O PSdeG preguntou, entre outros temas, por cando se vai aprobar en pleno a rebaixa do IBI ás explotacións gandeiras. O alcalde engadiu que a finais de xullo está previsto un pleno extraordinario, no que se someterá a consideración todas aquelas peticións da veciñanza que conten con informe técnico favorable. O resto de solicitudes levaranse ao pleno ordinario de setembro. Esta rebaixa do 95% do IBI para explotacións gandeiras, agrícolas e forestais.