O período de inscricións ábrese o luns 21 de abril ||
Ofrécense cinco sesións no Acquaform Termas de Cuntis os mércores 7, 14, 21 e 28 de maio, e 4 de xuño ||
O prezo é de 70 euros e inclúe o acceso ás instalacións termais, xa que o desprazamento en autobús está financiado polo Concello ||
O Concello do Pino pon en marcha unha nova edición do programa Vai de Auga, unha iniciativa que busca mellorar o benestar da veciñanza a través da participación en actividades termais, ao tempo que se fomentan os hábitos de vida saudable e a convivencia social.
Nesta edición de 2025, o programa volve ofrecer cinco sesións no Acquaform Termas de Cuntis, un espazo pensado para o relax e o coidado persoal. As saídas realizaranse os mércores 7, 14, 21 e 28 de maio, e 4 de xuño, con saída dende a Praza do Concello ás 16:30 horas e regreso arredor das 20:00 horas.
O prezo é de 70 euros e inclúe o acceso ás instalacións termais. O desprazamento en autobús está totalmente financiado polo Concello, polo que é gratuíto para todas as persoas participantes.
As inscricións estarán abertas a partir do luns 21 de abril no Rexistro do Concello. As prazas están limitadas a 55 persoas, polo que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas poden obter máis información chamando á Casa da Cultura ao 981 511 065. Formulario de inscrición e folla de pagamento neste enlace
Este programa consolidouse ao longo dos anos como unha das actividades máis valoradas pola veciñanza do Pino, tanto polos seus efectos beneficiosos sobre a saúde –especialmente en persoas con doenzas musculares ou articulares– como polo seu valor social, favorecendo o encontro e a relación entre veciños e veciñas.
Desde o Concello animamos á participación e lembramos que, no caso de que se apunten menores, deberán estar acompañados dunha persoa adulta.