- A festa desenvolverase o 2 de marzo, a partir das 16:30 horas, na praza do Concello ||
- A inscrición poderá facerse na sede electrónica, no rexistro municipal ou ben na Praza do Concello antes do inicio do concurso ||
- Manterase o incremento dos premios aplicado na pasada edición ||
O Concello do Pino anuncia a celebración do seu tradicional Concurso de Entroido, que terá lugar o domingo 2 de marzo na praza do Concello a partir das 16:30 horas. O evento busca promover a conservación das tradicións populares e dinamizar a actividade cultural, artística, turística e comercial no municipio.
O certame estará aberto á participación tanto de persoas individuais como de agrupacións, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras. No caso dos menores de idade, será necesaria unha autorización do seu representante legal.
O concurso do Entroido 2025 inclúe sete categorías competitivas, cada unha delas con premios en metálico. Na categoría infantil (ata 12 anos), as gratificacións serán de 150 € para o primeiro posto e de 100 € para o segundo. Na categoría individual, o premio ascende a 150 €, mentres que na categoría de parella os gañadores levarán para a casa 200 €. Os grupos (máis de 3 persoas e menos de 9) optarán a un premio de 300 €, as comparsas (mínimo 10 persoas) a 700 € e as carrozas (mínimo 4 persoas sobre estrutura móbil decorada) a 500 €. Ademais, volverá premiarse ao disfrace máis orixinal con 200 €. A contía dos premios mantense nesta edición tras o incremento do 22,7% aplicado no pasado ano.
A avaliación das propostas terá en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a utilización de materiais reciclados, a posta en escena e o uso do galego. Ademais, aquelas agrupacións que o desexen poderán realizar pequenas representacións escénicas de entre 3 e 4 minutos de duración, sempre que o indiquen previamente na solicitude de participación.
Inscrición
O período de inscrición dará comezo ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da provincia de A Coruña e permanecerá aberto ata o 2 de marzo de 2025, xusto antes do inicio do concurso. As solicitudes poderán tramitarse mediante a presentación da solicitude no Rexistro Municipal de 8:30 a 14:00 horas nos días laborais, ou na sede electrónica (https://opino.sedelectronica.gal/) ou presencialmente na praza do Concello.
Os premios serán entregados no propio evento e aboaranse mediante transferencia bancaria, para o que será necesario presentar a documentación requirida antes do 30 de marzo de 2025.
As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao Departamento de Educación e Cultura na Casa da Cultura (Rúa do Peregrino, 10) ou contactar co teléfono 981 511 065.
Consulta as bases premendo neste enlace.
Formularios de inscrición neste enlace