-
Onte solicitou unha reunión urxente do director xeral de Mobilidade da Consellería //
-
Cos novos horarios, o alumnado que estuda en Santiago non chega a tempo ás clases ou ten que agardar moito //
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, solicitoulle onte luns pola mañá unha reunión urxente ao director xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ignacio Maestro Saavedra, para pedirlle que se poidan adaptar os horarios do transporte público que pasa polo Pino ás necesidades do alumnado que estudia en Santiago
Coa adxudicación das novas concesións de transporte público de viaxeiros por estrada de Galicia, que entraron en vigor o pasado 23 de decembro, substituíuse a empresa que realiza o transporte polo Pino. Agora é a compañía Monbus a responsable da liña Lugo-Arzúa-O Pino-Santiago, e hai tamén cambios nos horarios.
Estes cambios prexudican ao alumnado do Pino que acode diariamente a Santiago para estudar no instituto Antón Fraguas. Cos novos horarios dos buses que pasan a primeira hora polo Pino, o alumnado atópase con que ou ben chega tarde ás clases ou ben chega preto dunha hora antes. O mesmo ocorre co viaxe de volta ao mediodía, polo que os escolares non chegan a Arca ata as catro da tarde.
Manuel Taboada quérelle propoñer ao director xeral de Mobilidade que se modifiquen os horarios dos autobuses de primeira hora que van dirección Santiago, e tamén os que regresan ao mediodía, cando rematan as clases, para que se adapten o máis posible aos horarios do instituto.
O alcalde agarda que a vindeira semana poida quedar solucionado este problema. Manuel Taboada recorda que “os servizos do Pino non poden empeorar coa nova adxudicación, xa que o noso concello está dentro do transporte metropolitano da área de Santiago, e tanto o Concello como a Xunta están aportando unha cantidade importante de diñeiro para subvencionar as viaxes entre O Pino e Santiago. O número de frecuencias de viaxes ao longo do día entre O Pino e Santiago ten que ser igual ou superior ó que xa tiñamos, nunca inferior”, conclúe.