A Xunta subvencionou con preto de 176.000 euros a nova cuberta das bancadas de Reboredo e os traballos para a mellora enerxética do centro sociocultural Luis Seoane, así como a adquisición dun brazo desbrozador para o tractor municipal || Taboada agradece á Xunta esta importante achega económica, “pois sen ela para concellos coma o noso sería moito máis difícil chegar a ter este tipo de infraestruturas e maquinaria”

O alcalde do Pino, Manuel Taboada, comprobou xunto ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, as melloras realizadas co apoio da Xunta de Galicia en infraestruturas e servizos municipais. A través de diferentes liñas de axuda, o Goberno galego destinou preto de 176.000 euros a obras no campo de fútbol de Reboredo e no centro sociocultural Luis Seoane, así como á adquisición de equipamento para labores de roza.
Taboada amosou o seu agradecemento á Xunta polas importantes achegas económicas que, ano tras ano, está a destinar ao municipio, destacando a súa importancia para o desenvolvemento e mellora das infraestruturas locais. Así, o rexedor subliñou que este tipo de subvencións resultan fundamentais, “pois sen elas para concellos coma o noso sería moito máis difícil chegar a ter este tipo de infraestruturas e maquinaria”.

En primeiro lugar, Taboada acompañou ao conselleiro e á directora xeral ata o campo de fútbol de Reboredo, onde se vén de cambiar a cuberta das bancadas cun investimento total de 25.000 euros, dos que a Xunta achegou case 18.000, o 70 por cento. Tal e como explicou o alcalde no lugar, o obxectivo desta actuación é “garantir a seguridade e o benestar das persoas usuarias da instalación deportiva ante a deterioración da anterior cuberta, con fisuras que derivaron en filtracións”.
Na súa visita ao Pino, xunto ao alcalde e edís, o conselleiro tamén comprobou o resultado das obras para a mellora enerxética do centro sociocultural Luis Seoane, para as que o Concello do Pino recibiu da Xunta preto de 118.000 euros en dúas anualidades, 2024 e 2025, a través dunha Orde plurianual de subvencións para este fin cofinanciada con fondos Feder. Esta subvención cubriu o 77,61% do custo da rehabilitación do edificio, que incluíu o cambio da carpintería exterior e da caldeira de calefacción, ademais da substitución das lámpadas interiores por iluminación LED.

Unha Casa da Cultura máis sostible e eficiente
En total, na mellora da eficiencia enerxética da Casa da Cultura investíronse 147.000 euros, cunha actuación que a consolida como un edificio máis sostible e eficiente. Así o explicou durante a visita institucional o arquitecto e director de obra, que detallou en que consistiu a intervención integral centrada na renovación de instalacións e sistemas clave.
Os traballos incluíron a substitución de todas as carpinterías exteriores, arredor de sesenta ventás e portas, que anteriormente presentaban importantes deficiencias de illamento. As novas incorporan rotura de ponte térmico e vidros de maior prestación, o que garante unha maior estanquidade e mellor comportamento térmico.
A intervención completouse coa renovación total da iluminación interior, mediante a instalación de tecnoloxía LED, e coa modernización do sistema de calefacción. Neste ámbito, substituíuse a antiga caldeira de pellets por unha nova máis eficiente, ademais de optimizar o funcionamento dos circuítos, “que agora operan de maneira independente evitando un consumo innecesario se o centro non está ao 100% da súa capacidade”.

Así mesmo, incorporouse un sistema intelixente de control que xestiona de forma automatizada a calefacción, a iluminación e o sistema de clima do auditorio, permitindo un uso máis racional da enerxía.
Novo brazo desbrozador para labores de roza
Por último, Diego Calvo e Natalia Prieto tamén comprobaron as prestacións do novo accesorio adquirido para o tractor municipal. Un brazo desbrozador destinado a traballos de roza que supuxo un investimento de cerca de 50.000 euros, dos que a Xunta achegou case o 80%, ao subvencionalo con 40.000 euros a través dun convenio de colaboración. Búscase así facilitar a protección e o mantemento da contorna natural, “especialmente mediante a limpeza de camiños e marxes co obxectivo de reducir o risco de incendios forestais”, tal e como destacou Taboada.

Entrega do brazo para o tractor desbrozadora
O impulso a estas melloras no Pino por parte da Xunta súmase ao destinado ás obras da estrada que vai de Loureda ao aeroporto de Santiago de Compostela, promovidas de xeito conxunto polos concellos do Pino e de Boqueixón e que o conselleiro tamén visitou recentemente. Neste caso, o Goberno galego destinou preto de 44.000 euros ás obras de pavimentación e limpeza de cunetas do viario.

