-
As 19.00 horas inaugúrase a mostra da artesá Ana Rosa Liste, que leva anos impartindo clases no Pino
-
Á mesma hora ábrirase tamén a exposición de fotografías ‘O fin do Camiño’
-
Os asistentes poderán degustar despois galo piñeiro e caldo de galiña piñeira, dentro do Itinerario Gastronómico do Camiño Francés
O Concello de O Pino ten programado para este sábado, 30 de novembro, unha tarde cultural e gastronómica, na que se lle renderá unha homenaxe á artesá Ana Rosa Liste Sebe, que leva anos dando clases de bolillos e bordado no Pino. O programa inclúe a inauguración de dúas exposición, unha de obras de Luis Seoane feitas a bolillos por Ana Rosa chamada ‘Encaixando Lembranzas’; outra de fotografías do Camiño de Santiago ‘O fin do Camiño’, e unha degustación de galo e galiña piñeira.
Ana Rosa Liste Sebe é unha artesá de recoñecido prestixio como deseñadora, restauradora de pezas antigas e elaboradora de bordado tradicional. Na súa dilatada traxectoria ten realizadas con bolillos reproducións de diferentes obras de Luis Seoane, pintor e escritor que foi nomeado Fillo Predilecto de O Pino o 31 de maio de 2008. Algunhas destas obras de Ana Rosa, como o ‘Gaiteiro de Arca’, forman parte da mostra ‘Encaixando Lembranzas’, que se poderán ver na casa de cultura de Arca.
A relación de Ana Rosa Liste co Pino ven de hai anos, xa que é a profesora de bolillos e bordado ao aire que todos os anos organiza a Concellaría de Educación e Cultura.
No mesmo acto tamén se vai inaugurar a exposición de fotografías ‘O fin do Camiño’, coa que o colectivo Egeria quere falar e promover a reflexión e o diálogo sobre o obxectivo que move a unha persoa a percorrer o Camiño de Santiago.
Itinerario gastronómico do Camiño Francés
E ao rematar estas dúas inauguracións, celebrarase a última etapa do Itinerario gastronómico do Camiño de Santiago, que este ano celebra as terceira xornadas de exaltación de produtos gastronómicos dos municipios da Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés en Galicia.
No caso do Pino, a xornada vaise centrar na degustación gratuíta de galo piñeiro e de caldo de galiña piñeira.
Antes de chegar ao pino, este itinerario xa percorreu os municipios do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide e Arzúa.