Os trinta nenos e nenas que participan na Escola de Verán do Pino tiveron hoxe unha animada sesión de contacontos no centro sociocultural Luís Seoane. Durante unha hora prestaron moita atención ás historias que lles contaba Diego Calvorota, que os fixo rir en máis dunha ocasión,
Coa Escola de Verán, o Concello de O Pino quere facilitar a conciliación familiar e laboral durante o período estival, con actividades que se desenvolven no CPI Camiño de Santiago.
Nesta primeira quincena, as monitoras das actividades estiveron reforzando na cativada a necesidade de utilizar a máscaras e de aplicar medidas de hixiene, como lavado de mans, utilizar o xel hidroalcohólico e manter a distancia de seguridade cos outros nenos e nenas. “Algo que están facendo con asiduidade, porque están moi concienciados”, explicaba unha das monitoras.
Na parte lúdica, a temática sobre a que xiran as actividades son as Olimpíadas populares, nas que se mesturen actividades deportivas con xogos tradicionais e populares. “Case todo o facemos ao aire libre, con distancia de seguridade suficiente, para que os nenos e nenas se sintan máis a gusto”, engadía.
Mañá conclúe a primeira quincena da Escola de Verán. Haberá nenos que repitan na segunda e novas incorporacións. As familias interesadas poden descargar as bases e a ficha de inscrición neste enlace. O prazo de matrícula para as dúas quendas do mes de agosto remata o vindeiro luns, 20 de xullo.