-
Cosmalca SL arranxará este mes os deteriorados marxes desta estrada.
-
Investiranse outros 100.000 euros para botarlle unha campa de aglomerado a toda a vía.
-
O Concello estuda pedir responsabilidades patrimoniais ao Ministerio porque a maioría dos danos producíronse durante a construción da autovía.
A empresas Cosmalca SL comezou esta semana as obras de actuación para frear o deterioro da estrada local do Concello de O Pino que serve de saída 77 da autovía A-54 cara Cerceda e Touro. Durante este mes de xaneiro acometerase o saneamento e baleirado des laterais do asfaltado e o seu posterior recheo con zahorra e rego asfáltico para mellorar a seguridade viaria. O Concello de O Pino vai investir 30.000 euros de fondos propios nesta actuación. Ao longo deste ano, o Concello destinará outros 100.000 euros en mellorar o asfaltado desta pista local, despois de que o Ministerio de Fomento se negase a arranxar a vía, moi deteriorada polas obras de construción da A-54. O Concello de O Pino, que no mes de setembro lle solicitou a Fomento que asumira o custo destas obras, non descarta demandar a Fomento por danos patrimoniais.
O pasado 13 de decembro o alcalde, Manuel Taboada ,firmou un decreto urxente adxudicándolle a Cosmalca esta actuación que comezou o pasado martes. Durante todo o mes de xaneiro procederase ao baleirado das dúas veiravías, para o seu saneamento. Logo volverase a encher estas zonas e botarlle zahorra e unha campa de asfalto. Con esta actuación acondicionarase a capa de rodadura desta estrada local e ampliarase a mesma ata unha media 5 metros de ancho. A previsión é que estes traballos rematen durante o mes de xaneiro.
Ao longo deste ano, o Concello de O Pino vai investir outros 100.000 euros con cargo ao plan POS+ da Deputación para arranxar esta estrada de 1,2 quilómetros que comunica a autovía Santiago-Arzúa (A-54) coa N-547 en Cerceda e que é moi utilizada polos vehículos que se dirixen cara a Touro. Segundo o alcalde do Pino, gran parte destes datos producíronse durante a construción da autovía polo paso de vehículos pesados.
O pasado 27 de setembro de 2019, o alcalde remitía un es crito ao enxeñeiro xefe da Demarcación de Carretera do Estado en Galicia, Ángel González del Río. Na que lle solicitaba ao Ministerio que asumise u custo de arranxar estas estrada local. Ante a negativa de Fomento, o Concello estuda demandar ao Ministerio por danos patrimoniais, por non asumir as súas responsabilidades.
O pasado mes de outubro, o Pleno de O Pino solicitáballe de novo a Fomento que arranxara esta estrada local de 1,2 quilómetros de longo e que tiña os marxes do asfalto totalmente danados, o que supopía un risco para a circulación. Así o sinalaba un informe da Garda Civil de Tráfico, que recollía que nalgúns tramos desta vía, e debido a que parte do asfalto desaparecera dos laterais, non cabía un camión e un turismo. O ancho medio desta estrada é de 4,8 metros, segundo Tráfico, e en algúns puntos aínda inferior debido aos danos provocados polo paso de tráfico pesado.
Parte do deterioro desta estrada local débese a que durante a execución da A-54, a altura da actual rotonda, estaba situada a planta de concentración de áridos de toda a autovía, polo que o tráfico de camións foi moi intenso durante o tempo que duraron as obras, o que provocou o deterioro desta vía. Por iso dende o Concello solicitáronlle ao Ministerio de Fomento que a arranxara ou asumira o custo das reparacións. Segundo os proxecto entregado naquel momento as reparacións ascendían a 106.000 euros e incluían deixar unha capa de rodadura duns 5,5 metros de ancho.
As choivas do mes de novembro e o intenso tráfico, con moitos vehículos pesados (por esta estrada local pasan a maioría dos coches e camións que se dirixen cara Touro e as instalacións da antiga mina de Cebreiro), incrementaron os danos nesta vía, provocando as queixas de moitos usuarios.
Actuación urxente por máis de 30.000 euros
O Ministerio de Fomento díxolle ao Concello que non se fai cargo das obras de reparación da vía. Ante esta resposta, e para non prexudicar á veciñanza e aos usuarios, o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, resolveu o 13 de decembro adxudicarlle á empresa Cosmalca SL unhas obras de actuación urxentes para frear o deterioro da estrada e arranxar ambas marxes do asfaltado. Obras que comezaron este martes, 7 de xaneiro.
Estas actuacións van representar un investimento de máis de 30.000 euros que o Concello asumirá con fondos propios, e permitirán deixar a capa de rodadura da estrada local con entre 5 e 5,5 metros de ancho.
Adicionalmente, o equipo de goberno incluíu nas obras do plan POS+ da Deputación da Coruña unha actuación para reforzar o aglomerado de todo este tramo, cun investimento de máis de 100.000 euros.
“O Concello ten que asumir máis de 130.000 euros na reparación dunha estrada local que quedou moi danada polas obras do tramo da autovía Santiago-Arzúa e que o Ministerio de Fomento, que é o propietario da A-54 e quen fixo ditas obras, non quere asumir”, explicou Manuel Taboada. “Unha situación que está a prexudicar á veciñanza do Pino, porque eses cartos poderiámolos investir noutras obras moi necesarias”, engade. Por este motivo, dende o Concello estudan presentar unha reclamación por danos patrimoniais ao Ministerio para que se faga cargo destas obras.
Actuación na saída da Salceda
O Concello de O Pino xa investiu tamén máis de 73.000 euros para acondicionar e mellorar un tramo de 1,5 quilómetros dunha pista forestal situada na saída da A-54 na Salceda para evitar que os vehículos pasen polo medio desta aldea, xa que a estrada local ten menos de catro metros de ancho entre as casas e o tráfico supón un perigo para a veciñanza. “Xa quedou atascado algún camión”, di o alcalde
Con esta actuación, facilitase que os vehículos que saen da A-54 pola Salceda utilicen esta pista para dirixirse cara a estrada que une os núcleos de Boavista (O Pino) e Dodro (Arzúa).
“Non é moi normal que o Ministerio faga a autovía e non asumea o custo para acondicionar as pistas de titularidade municipal que comunican a A-54 coa estrada N-547, e que trasladen esta responsabilidade aos concellos. Fomento é quen debe acondicionar e ampliar as vías que permiten os accesos e saídas da autovía”, asegura Manuel Taboada.