-
A artista inaugurou onte unha exposición con 15 obras do Fillo Predilecto de O Pino feitas a palillos que se pode ver ata o día 9 na casa de Cultura
-
“Despois da exposición de Ames e da internacional de Barcelona quero que este cadro fique aquí”, asegurou
-
“Hai que darlle un aire fresco ao encaixe”, asegura a mestra dos cursos de bordado que organiza a Concellaría de Cultura
“Levo cinco anos dando clases de palillos no Pino, e dende o primeiro día que entrei” na Casa de Cultura de Arca “chiscábame o ollo. Heite pintar, díxenlle”. Ana Rosa Lista Sebe, artista amesá que se converteu nun referente do encaixe galego, tardou tres meses en facer ‘O gaiteiro de Arca’, unha das obra de Luis Seoane feitas con encaixe que forman parte da exposición que se pode ver na Casa da Cultura ata o 9 de decembro. E a continuación soltou a sorpresa: “Despois de que a mostra visite Ames e a Exposición Internacional de Encaixe de Barcelona, quero que esta obra fique aquí, no Concello de O Pino”.
Coa exposición que inauguraron onte o alcalde, Manuel Taboada, e a propia artista, a Concellaría de Cultura queríalle render unha homenaxe a Ana Rosa Lista, “por todo o traballo que levas facendo no Pino dende que empezaches a dar clases de palillos e bordado no 2014”, explicou a concelleira Eva Varela ao tempo que lle entregaba un ramo de flores. A reacción de Ana Rosa Lista non se fixo esperar, con cara de sorpresa e algo emocionada anunciou que era a súa intención que ‘O gaiteiro de Arca’ “fique no Pino” unha vez que remate a Exposición Internacional de Encaixe que se vai celebrar no Museo Arenis de Mar, en Barcelona, no mes de maio de 2020.
Ana Rosa Lista quérelle dar un “aire fresco ao encaixe” na súa obra, e por iso introduce a cor nesta exposición. Onte recordaba como despois deas primeira atracción púxose a traballar neste cadro “primeiro debuxando e despois palillando, utilizando sempre liño galego”. Para incluír os tres elementos da gaita galega que figuran no cadro “falei cun veciño, que mos fixo en madeira”. Despois de “tres meses de traballo” para rematar o cadro, Ana Rosa meteuse a fondo na obra e vida de Luis Seoane, fillo predilecto de O Pino dende o ano 2008.
E comezou a traballar nesta colección que conta con 16 cadros, un deles está no Instituto Luis Seoane de Pontevedra e os demais pódense ver esta semana en Arca. O polifacético galeguista “deixoume expresar todo o que eu quería nesta colección”, dixo Ana Rosa, natural de Ames. “Algúns dos temas recórdanme cousas da miña nenez, hai obras que significan algo para min, como o peregrino, a pomba, o mariñeiro, as mulleres”. Durante tres anos, Ana Rosa Lista estivo completando esta exposición, con cadros pintados por ela mesma e logo completados con encaixe de diferentes cores “para conseguir unha semellanza perfecta coa obra orixinal de Luis Seoane”, como recoñecían onte algúns dos asistentes a inauguración. Unha exposición completa que se viu por primeira vez no mes de abril na ‘Palillada’ de Pontevedra e, ata o vindeiro 9 de decembro, se pode admirar na Casa da Cultura do Pino.
As obras de Luis Seoane feitas con encaixe forman parte da segunda colección de Ana Rosa Listas. Antes estivo dous anos traballando nunha sobre o ‘Camiño de Santiago’, coa que foi finalista no XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas que promove a Deputación da Coruña, que se puido ver na Mostra Internacional de Peniche (Portugal).
Mestra no Pino dende hai 5 anos
Ana Rosa Lista, que xa foi premiada polos seus deseños na Mostra do Encaixe de Camariñas, fixo varias exposicións internacionais e, dende 2014, imparte clases de palillos e bordado ao aire. As súas alumnas insístelles máis dunha vez que “co encaixe pódese facer arte” e conseguiu que “vexan o encaixe doutra maneira”. De feito, na exposición tamén se poden ve obras feitas polas asistentes aos cursos do Pino.
Ademais de palillar dun xeito excelente, Ana Rosa tamén pinta, debuxa e fai patrón. “Son deseñadora e iso permíteme abordar e adaptar calquera tipo de traballo ou patrón”. Na exposición hai un traxe feito por ela mesma e tamén o escudo do Concello de O Pino, debuxado primeiro pola artista e logo feito en encaixe. Unha das alumnas animouse a reproducir outro escudo do concello.
“O encaixe non é complicado. Hai que ter paciencia e escoitar, porque os palillos dinche cousas. É como un quebracabezas que tes que ir encaixando peza a peza”, di esta muller naceu en Ames e que aprendeu a palillar con Carmen Puga Blanco, quen onte viaxou ata Arca para asistir a inauguración da exposición. “Carmen foi quen me ensinou a palillar, hai máis de 25 anos. Con ela aprendín a facer as primeiras follas”, dixo Ana Rosa Lista. Carmen Puga, que hoxe vive en Santiago, empezou a palillar “aos doce anos. Sempre se me dou ben, e non fixen máis cousas porque non tiña tempo”, dixo cun sorriso.
Album de fotos no Facebook do Concello de O Pino (neste enlace)