Manuel Taboada e Ovidio Rodeiro defenden ante Goretti Sanmartín e Xan Duro a necesidade desbloquear a situación para mellorar o servizo en Lavacolla ||
“Os nosos profesionais só queren traballar no aeroporto”, dixo Manuel Taboada ||
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, e o de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, reuníronse este 25 de outubro no pazo de Raxoi coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, para buscar unha fórmula que permita aos taxistas dos dous concellos poder traballar no aeroporto de Lavacolla. A reunión celebrase este venres antes da celebrada para falar do parque comarcal de bombeiros.
Os representantes políticos animaron aos taxistas do “Pino e Boqueixón a negociar e chegar a un acordo cos de Santiago, no que podería mediar a federación de taxistas, para desbloquear a situación”, indicou Manuel Taboada. Os taxistas do Pino e Boqueixón solicitan poder traballar no aeroporto de Santiago, para mellorar un servizo que actualmente presenta carencias, tendo en conta que as instalacións do Rosalía de Castro ocupan terreos dos tres concellos.
A iniciativa do Pino e Boqueixón ampárase no artigo 36 da lei do taxi, que indica que a Xunta, previo informe dos concellos, poderá establecer que vehículos con licenza de taxi noutros municipios realicen servizos con orixe en puntos específicos (entre eles, os aeroportos) onde se xere un importante volume de tráfico que afecte a varios concellos e xurdan necesidades de transporte que non estean suficientemente atendidas. Neste caso, trataríase de que os taxistas dos dous concellos (que ademais teñen instalacións aeroportuarias nos seus territorios) poidan recoller viaxeiros na terminal.
“Os nosos profesionais só queren traballar no aeroporto, e poder trasladar a pasaxeiros a calquera punto de Galicia sen ter problemas”, sinalou Taboada Vigo. O alcalde do Pino lembra que actualmente hai taxis de Santiago que van recoller pasaxeiros a un centro sanitario do Pino para levalos a outros municipios galego, “algo que non poden facer”.
Manuel Taboada lembra que o pasado 26 de xuño o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade solicitarlle ao Concello de Santiago autorización para que os taxistas Pino poidan traballar no aeroporto, recollendo e deixando viaxeiros. Esta mesma petición foi trasladada tamén a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia. O Concello de Boqueixón aprobou tamén un acordo similar que trasladou ao de Compostela.
O ano pasado, o TSXG desestimou un recurso contencioso administrativo presentado polos taxistas do Pino para poder traballar no aeroporto. Os alcaldes do Pino e Boqueixón consideran que este fallo non é impedimento para chegar a un acordo e que o Concello de Santiago autorice aos seus profesionais no aeroporto de Lavacolla. “Se Santiago o autoriza, dende a Dirección Xeral de Mobilidade efectuarían a tramitación administrativa para autorizar aos taxistas do Pino e Boqueixón para traballar no aeroporto”, concluíu Manuel Taboada. “Deste xeito melloraríase considerablemente un servizo de atención no aeroporto que actualmente presenta deficiencias”, concluíron os dous rexedores.