A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; a directora e Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de O Pino, Manuel Taboada, presentaron esta mañá no albergue de Santa Irene a cuarta edición de ‘Camiño da reciclaxe’, una campaña de concienciación e sensibilización que ten por finalidade impulsar a cultura da separación de residuos de envases lixeiros e papel-cartón para a sua reciclaxe. No acto tamén estivo presente o xerente de xestión local e autonómica de Ecoembes, Fernando Blázquez Andrés.
Con esta iniciativa, que a Xunta de Galicia levará ao Camiño Inglés e que xa suma máis de 220 albergues en Galicia, quérese fomentar o coidado da contorna, do medio natural e da biodiversidade.
‘Camiño da reciclaxe’ é unha iniciativa que se leva a cabo nos meses nos que se concentra o maior número de peregrinos, de xuño a outubro, co fin de aproveitar o potencial que ofrecen os máis de 220 albergues participantes presentes nos distintos itinerarios do Camiño de Santiago.
A conselleira salientou que esta iniciativa foi obtendo mellores resultados cada ano, tal e como demostran os resultados de cada edición, polo que parte do éxito desta iniciativa responde á colaboración dos albergues, ao esforzo dos peregrinos e ao traballo de Ecoembes e o Goberno galego que achegan contedores de reciclaxe nos distintos establecementos de hospedaxe participantes. Destacou que froito deste traballo conxunto, no pasado ano recicláronse máis de 146 toneladas de envases, un 45% máis que en 2017, dos que máis de 40 toneladas procedían do contedor amarelo e máis de 105 toneladas do contedor azul.
Nese sentido, Ángeles Vázquez invitou a multiplicar as cifras rexistradas e a aproveitar o potencial e a forza que ofrece o Camiño de Santiago, así como o esforzo realizado polos máis de 325.000 peregrinos que en 2018 chegaron a Compostela a través deste itinerario cultural e que -en boa medida- axudan a manter o Camiño limpo e en perfecto estado de mantemento.
Por último, argumentou que hai moitos pequenos xestos ao alcance de todos que contribúen ao coidado do medio ambiente e á loita contra o cambio climático, como é a boa xestión dos residuos, un pequeno xesto que permite contribuír ao establecemento dunha economía circular, que esixe da implicación de toda a poboación para que poida saír adiante.
A campaña presentada hoxe alíñase no compromiso da Xunta de Galicia por garantir a sustentabilidade na ruta xacobea, ao abeiro do Plan Director do Camiño de Santiago. Trátase da folla de ruta do Goberno galego que vela pola conservación, mantemento e divulgación da ruta xacobea e que inclúe unha das súas liñas estratéxicas á sustentabilidade na peregrinación.
Ecoalbergues, principais partícipes do proxecto
O elemento central da campaña Camiño da Reciclaxe son os albergues nos cales se facilita ao peregrino as ferramentas para poder reciclar e evitar a basuraleza(residuos xerados polo ser humano e abandonados na natureza). En Galicia logrouse a implicación de 222 ecoalbergues (Camiño Francés 144, Norte 19, Portugués 49 e Inglés 10). Esta cifra chega no conxunto de España aos 453, ao considerar os de Castela León, Galicia, Cantabria e A Rioxa, onde tamén se desenvolve o proxecto, explicou Fernando Blázquez. Ademais da ampliación a hospedaxes do Camiño Inglés de Galiciaeste ano, a campaña tamén se estendeu ao Camiño do Norte e o Camiño Lebaniego en Cantabria.
Fernando Blázquez Andrés, director de Xestión Local e Autonómica de Ecoembes, insistiu na importancia de continuar con este traballo conxunto: “Queremos agradecer á Xunta de Galicia a súa colaboración co proxecto Camiño da Reciclaxe, unha iniciativa que naceu coa finalidade de favorecer a reciclaxe entre os peregrinos, así como para axudar a manter o Camiño de Santiago, onde a natureza adquire un protagonismo absoluto, libre de basuraleza. Grazas á colaboración das administracións, os hospitaleros e os peregrinos imos facendo Camiño para chegar ao Ano Xacobeo 2021 máis sustentable e comprometido coa reciclaxe da historia”.
Compostela do EcoPeregrino
Unha das novidades máis significativas desta edicióné a Compostela do EcoPeregrino, que nace co obxectivo de dar visibilidade ao compromiso dos EcoPeregrinos coa reciclaxe e o coidado do medio ambiente. É por iso que cada camiñante que suba a Twitter ou Instagram unha foto da súa Compostela do EcoPeregrino con tres selos (que poderán obter, do mesmo xeito que a Compostela, nos albergues participantes do Camiño Reciclaxe durante os meses de xuño a outubro) coa etiqueta #EcoPeregrino, plantarase unha árbore autóctona nunha zona de Galicia.