O alcalde e a delegada da Xunta na Coruña visitaron as instalacións ||
Belén do Campo anima aos alcaldes a solicitar as axudas para o equipamento e a mellora de instalacións culturais antes do 10 de abril ||
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá as instalacións da biblioteca municipal nas que o Concello fixo melloras por 18.400 euros cunha achega do goberno autonómico. Outra subvención de 2.400 euros permitiu mercar libros en galego para os fondos da biblioteca. Belén do Campo informou que ata o vindeiro 10 de abril está aberto o prazo para solicitar novas axudas para o equipamento e mellora das instalacións culturais.
O Pino foi un dos beneficiados en 2024 coa orde de axudas aos concellos para equipamento e mellora das instalacións e locais empregados para a realización de actividades culturais. Cos 18.400 recibidos da Xunta, o Pino adquiriu novos andeis para a biblioteca municipal, e puido realizar tamén varias intervencións de mellora no edificio. Belén do Campo lembrou que o Concello tamén recibiu outras dúas axudas da orde de subvencións a entidades titulares de bibliotecas e/o axencias de lectura públicas para a adquisición de novidades editoriais en galego e para a mellora das súas coleccións por un importe de máis de 2.400 euros.
Durante a visita a representante do Goberno autonómico informou que desde o pasado 11 de marzo e ata o 10 de abril está aberta a nova orde deste ano 2025 dotada con 500.000 euros de orzamento. Dixo que o Goberno galego pretende continuar co labor de mellorar as infraestruturas e os equipamentos culturais co fin de dotar dos medios necesarios para que as entidades locais comprometidas coa acción cultural poidan executar os seus programas, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía.
A axuda máxima por entidade local beneficiaria será de 30.000 €, que en ningún caso poderá exceder do 90 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000 € ascenderá a 35.000 € cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e entidades resultantes dunha fusión.
Entre as actuacións subvencionables inclúense intervencións relativas ao equipamento e amoblado de locais; a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento da programación cultural do local para o que se solicita a axuda, e, en concreto, realización de investimentos en equipamento escénico, iluminación e son, equipamento audiovisual, equipamento xeral, sistemas de prevención e seguridade, novas tecnoloxías, investimentos destinados á posta en funcionamento de locais para usos culturais, investimentos en bibliotecas ou axencias de lectura pública municipais, investimentos en arquivos municipais, así como accións encamiñadas á mellora da accesibilidade, supresión de barreiras arquitectónicas e medidas de eficiencia enerxética dos edificios.
Ademais do Concello do Pino tamén resultaron beneficiarios desta convocatoria, o ano pasado, na área territorial de Santiago os municipios de Ordes, Trazo, Padrón, Teo e Dodro con axudas que ascenderon a case 62.000 euros. Na provincia coruñesa recibiron estes apoios 18 concellos por un importe total de 185.000 euros.

Eva Varela, Belén do Campo e Manuel Taboada no auditorio municipal