O centro sociocultural Luis Seoane acolle o sábado 24 de maio un concerto polo Día das Letras Galegas || A cita contará coas agrupacións locais Coro de Arca, Gharatuxa e Reviravolta, xunto con formacións convidadas da contorna ||
O centro sociocultural Luis Seoane acollerá o sábado 24 de maio ás 20.00 horas o encontro musical Voces para as Letras, unha cita co talento local e comarcal que reunirá coros e grupos de música tradicional do Pino e arredores, con motivo da celebración das Letras Galegas. A entrada é gratuíta ata completar o aforo.
O encontro contará coas actuacións do Coro de Santa Eulalia de Arca —acompañado nesta ocasión pola Coral Polifónica de Senra (Oroso), baixo a dirección de Daniel Sánchez—, así como das agrupacións locais Gharatuxa e Reviravolta e das compostelás O noso son e Coro Castrosúa.
Esta iniciativa destaca pola participación de músicos e agrupacións vencelladas á contorna, tanto do propio municipio como de concellos próximos, nun ambiente de colaboración e posta en valor da música coral e tradicional galega.
O Concello do Pino colabora con este evento, que subliña o compromiso coa cultura e a lingua a través da música.
Outras actividades polas Letras Galegas
Ademais deste encontro musical, o departamento de Deportes do Concello organiza o sábado 17 de maio o programa O Pino móvese coas Letras Galegas, que inclúe a andaina Camiñando coa lingua, polo tramo do Camiño Francés que atravesa o municipio, e xogos populares no pavillón de Reboredo.
Tamén o 17 de maio terá lugar o tradicional concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de Música de Arca, a partir das 19.00 horas no centro sociocultural Luis Seoane.