As persoas propietarias da zona de reestruturación parcelaria de Gonzar II están convocadas o mércores 19 de febreiro, ás 11.00 da mañá, a unha reunión informativa no Centro Sociocultural Luis Seoane na que se presentará a enquisa pública previa do acordo da parcelaria de Gonzar II.
Durante a reunión, cada persoa propietaria recibirá un documento resumo individual cos novos predios asignados, ademais de ter acceso aos planos coa nova distribución das parcelas.
A partir do mércores 26 de febreiro e ata o 14 de marzo, persoal técnico desprazarase ao local social de Gonzar para atender consultas sobre o proceso. O horario de atención será de 9.30 a 14.00 h e de 15.00 a 17.00 h os mércores e xoves, mentres que os venres atenderán só en horario de mañá (tamén de 9.30 a 14.00 h).
O período de exposición pública e presentación de alegacións estará aberto ata o 19 de marzo de 2025, podendo presentarse escritos a través de calquera rexistro electrónico oficial ou nas oficinas de Correos.
Para máis información, as persoas interesadas poden consultar os planos no local social de Gonzar, no Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña ou na web da Consellería do Medio Rural (nesta ligazón). Tamén poden contactar co Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña nos teléfonos 981 184 639 e 981 184 622 ou coa asistencia técnica de Esproagro no 981 174 185.