- Para velo na casa da cultura a partir das 19.00 horas é preciso reservar entrada antes do día 11 de decembro ||
A Concellaría de Cultura de O Pino ten programado para o vindeiro sábado 12 de decembro, un espectáculo de teatro con comedia, maxia e moito humor no que Cayetano Lledó nos dará a súa particular visión de ‘Titanic’.
Dirixido a público familiar, o espectáculo narra os preliminares e a viaxe do barco, “que aínda que a historia oficial non o recolle, fixo escala en Galicia”, asegura o artista.
Os espectadores, que serán os pasaxeiros do barco neste espectáculo de tarde-noite (comeza ás 19.00 horas) farán unha viaxe de 70 minutos rememorando a travesía deste trasatlántico. Terán que afrontar un montón de incidentes, sorpresas e situacións inesperadas coas que Cayetano Lledó lles fará pasar un momento agradable.
A función comezará a 19.00 horas, con aforo limitado, para cumprir coas normas das autoridades sanitarias para evitar a propagación da covid-19.
Para acceder ao auditorio será necesario reservar entrada, dende hoxe mesmo, chamando ao teléfono 981 511 065 (de 10.00 a 14.00 horas de luns a venres) ou por correo electrónico ao enderezo cultura@opino.gal.
As prazas son limitadas e iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición. Entregaranse un máximo de 4 entradas por cada reserva previa, a as persoas que reserven máis dunha entrada declaran responsablemente que son convivintes.
O día do espectáculo, as persoas con entrada reservada deberán presentarse cun mínimo de 15 minutos de antelación ao inicio da función (antes das 18.45 horas). De non facelo, esas prazas quedarán a disposición das persoas que se atopen na entrada sen reserva, e iranas ocupando por orde de chegada.
O Concello do Pino recorda que o uso de máscara é obrigatorio desde os 6 anos, e recomendable desde os 3 anos. Os menores deberán estar acompañados sempre por unha persoa responsable maior de idade.
Nadal Benéfico
Este espectáculo forma parte do programa Nadal Benéfico do Concello do Pino. Ata o vindeiro 31 de xaneiro, as persoas que o desexen poden colaboran aportando alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e limpeza, que despois dende o departamento de Servizos Sociais se distribuirán durante todo o ano entre as familias con menos recursos do municipio.
Este ano, pódense deixar os alimentos (pode ser comida en conserva) e produtos na Casa de Cultura, nos Servizos Sociais do Concello, e nos supermercados Día, Eroski e Rúa, en Arca.