Durante nove meses formáronse en operacións básicas de xardinería e remataron as 31 obras programadas
Manuel Taboada: “A formación que recibistes e a experiencia acumulada serviranvos para atopar traballo”
Ovidio Rodeiro: “Recibides un certificado de profesionalidade que facilitará a vosa inserción laboral”
Oito dos vinte alumnos que se forman en tareas auxiliares de xardinería no obradoiro dual de emprego O Pino-Arzúa xa atoparon traballo. Algúns deles puideron obter o título da ESO e todos recolleron esta mañá o certificado de profesionalidade que facilitará a súa incorporación ao mercado laboral, como recordou o delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro.
Aínda que a formación rematará o 1 de agosto, na clausura oficial deste obradoiro, o alcalde do Pino, Manuel Taboada resaltou a importancia da formación que recibiron os alumnos “e a experiencia acumulada durante este nove meses, que vos servirá para atopar traballo”. Na clausura tamén estiveron presentes o alcalde de Arzúa, José Luis García, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria na Coruña, Isidoro Martínez. Ao rematar o acto, alumnado e profesorado recolleron os certificados acreditativos.
Saúl de la Peña, director do obradoiro dual de emprego, destacou o bo nivel do alumnado, que foi quen de cumprir todas as expectativas iniciais. “Rematamos as 31 obras programadas, fixemos unha nova área recreativa e limpamos as existentes no Camiño Francés, e tamén rematamos un invernadoiro municipal no Pino”. O director tamén destacou que durante estes nove meses de formación “recibimos ofertas de moitas empresas ofertando postos de traballo para o alumnado”.
Manuel Taboada, alcalde de O Pino, resaltou na clausura a “importancia da formación e a experiencia acumulada por todo o alumnado”, o que facilitará a súa incorporación ao mercado laboral. “As obras quedan feitas, e venas os veciños”, concluíu o alcalde. O alcalde de Arzúa, José Luis García sinalou que este era o primeiro obradoiro de emprego no que participaba o concello e manifestou a súa esperanza de que a formación recibida lle abra “as portas do mercado laboral” ao alumnado.
Un total de 20 alumnas e alumnos formáronse no Pino nos últimos nove meses en Actividades Auxiliares en Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería, grazas a este obradoiro dual de emprego que contou cunha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 317.000 euros. Os alumnos comezaron a formación teórica e práctica o pasado mes de outubro e concluirana o vindeiro 31 de xullo.
Ovidio Rodeiro foi o encargado de clausurar o taller de emprego promovido polos concellos do Pino e Arzúa co apoio da Xunta. Os traballos prácticos das alumnas e alumnos consistiron en Arzúa de acondicionamento e reparación de mobiliario en A Peroxa, Boente, Punta Brea, camiño en Fonte Prata. Ademais leváronse a cabo labores de acondicionamento de espazo para contedores no lugar da Castañeda, Fraga Alta, Laberco, Preguntoño, Cortobade, Taberna Vella e en diferentes espazos de Portela-Ribadiso. Tamén se instalaron varandas na zona das Barrosas e se creou unha pequena área de descanso no Raido-Preguntoño.
No concello do Pino acondicionáronse as zonas de Carballeira no Outeiro e as áreas de descanso de Lengüelle, Cerceda e Santa Irene, instalouse un invernadoiro no concello e se colocaron máis de 50 cubrecontedores en diferentes puntos.
Ovidio Rodeiro destacou na súa intervención que “estes obradoiros, que promove a Xunta coa colaboración dos concellos, permiten aos participantes obter unha cualificación profesional que favorece a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permite iniciar os seus propios proxectos”. O delegado territorial felicitou a todos “porque a partir de agora estades mellor preparados que fai 9 meses para atopar un emprego, xa que a vosa formación adaptouse ás necesidade das empresas desta comarca”.
Obradoiros na comarca de Santiago
Os municipios da área de Santiago contaron en 2018 cun total de 11 obradoiros de emprego, 8 deles de carácter dual, onde participaron alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu en políticas activas de emprego 2.624.610 euros.
Os talleres ordinarios contan con formación e un acceso a un contrato de traballo durante nove meses e os duais a maiores ofrecen 3 meses máis de traballo nunha empresa da zona na especialidade na que se forman os alumnos.
Os 8 obradoiros duais, cada un con 20 prazas salvo o de Teo, que ten 8, tiveron lugar en Padrón, compartido con Rois e Dodro; en Negreira, compartido con Santa Comba, A Baña e Val do Dubra; no Pino, compartido con Arzúa; en Ordes, compartido con Frades e Mesía; en Melide, compartido con Boimorto; en Teo en Santiago de Compostela, compartido con Ames e en Santa Comba, compartido con Dumbría e Mazaricos.
Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil realizáronse en Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dubra de 16 prazas; Rois, compartido con Padrón en Dodro de 10 prazas; e Santiago, compartido con Teo de 16 prazas.
Estes obradoiros permitiron que un total de 190 persoas desempregadas se formasen nun oficio mentres realizaron tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibiron un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais foi de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.
Album de fotos do acto no facebook do Concello de O Pino (neste enlace)