Chegou xa un dos momentos máis agardados do verán. A piscina municipal inaugura a temporada estival coa súa apertura e xa se poden combater as altas temperaturas cun chapuzón en O Pino. As instalacións estarán abertas todos os días (de luns a domingo) en horario de 12.00 a 20.00 horas. Ademais o xoves 27 comeza o prazo para obter os bonos para o acceso á piscina ou apuntarse aos cursos de natación, que darán comezo o 1 de xullo. Poderánse obter na Casa do Concello, todas as mañás de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas.
En canto aos diferentes prezos, os bonos gozan dunha gran vantaxe. Fronte aos 3,60 euros que custa unha entrada diaria, os residentes en O Pino poden comprar o bono por 12 euros os adultos e 6 euros os nenos ata dezaseis anos incluidos. Para os non residentes no concello, as tarifas bonificadas duplícanse, 24 euros para os adultos e 12 para a rapazada. Ademais, os cativos menores de dous anos poden entrar de balde á piscina e tamén existe a posibilidade de comprar un bono familiar, no que o custo é o seguinte:
- Bono pai e nai: 15 euros
- Cota 1º fillo: 6 euros
- Cota 2º fillo: 3 euros
- Cota 3º fillo: gratis
Os cursos de natación celebraránse en dúas quendas de luns a xoves de 12.30 a 13.15 horas, pero tan só se poderá ir dous días á semana e tamén é obrigatorio estar previamente aboado. Os nenos ata dezaseis anos poden inscribirse por 3 euros ao mes, mentres que os adultos por 9 euros. Tamén os rapaces e rapazas gozarán dun desconto do 25% para o acceso á piscina se posúen o carné xove.