O Nadal comeza co acendido do alumeado e inclúe maxia, teatro, música e actividades infantís || O XI Nadal Benéfico anima a veciñanza a colaborar na recollida de alimentos e produtos de hixiene ||
O Concello do Pino presentou a súa programación de Nadal para este ano, que combina actividades culturais e solidarias deseñadas para o desfrute de toda a veciñanza. As actividades comezarán o xoves 5 de decembro co acendido do alumeado e prolongaranse ata o 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos.
A programación cultural arrancará oficialmente o xoves 19 de decembro co espectáculo Rock ‘N’ Magic do Mago Teto, un evento enmarcado no Festival da ESO do CPI Camiño de Santiago, que terá lugar na Casa da Cultura ás 12.00 horas. Este espectáculo, que combina maxia e música rock en directo, promete ilusión, humor e moito ritmo para todos os asistentes.
Ao día seguinte, venres 20 de decembro, Papá Noel visitará os centros educativos do municipio, incluíndo o CPI Camiño de Santiago, a escola unitaria de Gonzar e a escola infantil A Galiña Azul. Será unha ocasión especial para que os máis pequenos e pequenas poidan entregar as súas cartas e compartir a ilusión do Nadal.
Ese mesmo venres, 20 de decembro, remata o prazo para participar no I Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa que busca fomentar o espírito festivo no municipio. Este certame conta con dúas categorías: a familiar, destinada á decoración de vivendas particulares, e a colectiva, que inclúe montaxes realizadas por comercios, asociacións ou comunidades en espazos públicos.
O sábado 21 de decembro celebrarase a gran Festa de Nadal na praza do Concello a partir das 16.00 horas. Esta xornada contará cun variado programa que inclúe o espectáculo de Teatro Calavera Nadal na Fraga, pensado para público familiar; diferentes obradoiros creativos e a representación do Quebranoces, unha obra de monicreques.
O sábado 28 de decembro será o momento de despedir o ano coa música da Banda de Arca, que ofrecerá o tradicional Concerto de Nadal na Casa da Cultura ás 19.00 horas. Unha oportunidade para gozar dunha selección de pezas que alegrarán as festas.
Nadal Benéfico, unha acción solidaria esencial
Como cada ano, o Concello do Pino puxo en marcha a campaña do Nadal Benéfico, coa que se anima á veciñanza a colaborar na recollida de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene e limpeza para axudar ás familias que máis o precisan. As achegas pódense realizar ata o 31 de xaneiro no centro sociocultural Luis Seoane e nos supermercados Dia, Eroski e Onda.
A concelleira de Cultura, Eva Varela, subliñou a importancia desta iniciativa: “Os produtos recollidos distribúense ao longo do ano para apoiar as familias que pasan por momentos de dificultade. É unha mostra da solidariedade que caracteriza á nosa veciñanza.” A edil tamén quixo lembrar que, ademais dos alimentos básicos, é posible doar produtos listos para consumir, como conservas ou pratos precociñados, que facilitan o día a día das persoas beneficiarias.