Ethel Vázquez presenta as actuacións proxectadas para mellorar o saneamento de cinco núcleos do Pino // O alcalde Manuel Taboada agradece o investimento e pide “que se axilicen os prazos para rematar un mes antes do previsto” // A depuradora terá capacidade para tratar as augas de 3.000 habitantes, co obxectivo de atender as necesidades da veciñanza e do turismo asociado ao Camiño de Santiago
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Pino o investimento de dous millóns de euros para a construción dunha nova depuradora e a mellora do saneamento en varios núcleos da parroquia de Arca. Vázquez Mourelle explicou que se está a avanzar nos trámites administrativos para impulsar esta intervención, froito da colaboración entre Xunta e Concello. Mañá coñeceranse as empresas interesadas en executar as obras.
Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, Ethel Vázquez presentou hoxe no Pino as actuacións proxectadas para mellorar o servizo de saneamento e depuración de cinco núcleos de poboación da parroquia de Arca, concretamente O Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón. Está previsto que a intervención comece este verán e ten un prazo de execución de 18 meses.
O alcalde do Pino, Manuel Taboada, agradeceu o “forte investimento de case dous millóns de euros que está a realizar a Xunta nunha obra moi necesaria para o noso concello”. Asemade, Taboada pediu que “na medida do posible se axilicen os prazos, para rematar un mes antes do previsto”. Estas obras están en proceso de licitación e mañá, 9 de marzo, abriranse as ofertas das diferentes empresas interesadas na súa execución.
Ethel Vázquez referiu que as obras queren dar solucións aos problemas actuais nestes núcleos da parroquia de Arca, que dispoñen dun sistema de depuración que consiste en dúas fosas sépticas que non funcionan adecuadamente, o que provoca vertidos frecuentes ao medio.
Concretou que para garantir aos veciños un sistema de depuración das augas residuais máis eficiente, construirase unha estación depuradora, no lugar onde se atopa a fosa séptica da vertente leste, na contorna fluvial do rego do Burgo. E, para levar as augas residuais desde a zona oeste ata esa nova depuradora, executarase tamén unha estación de bombeo coa súa impulsión, que descargará no colector por gravidade que xa hai actualmente, engadiu a conselleira.
Ethel Vázquez dixo que se construirá unha depuradora con capacidade para tratar as augas residuais dunha poboación de 3.000 habitantes. Así precisou, que a depuradora dará servizo a unha poboación fixa de 1.866 habitantes no ano horizonte 2044, pero estará dimensionada e preparada para 3.000 habitantes xa que, tal e como remarcou, O Pino é unha zona pola que pasan moitos peregrinos, moito turismo derivado do Camiño de Santiago Francés.
A depuradora estará dotada de pretratamento (pozo de grosos, aliviadoiro, desbaste de grosos, clasificador de areas e desnatador); tratamento biolóxico; decantación secundaria circular; desinfección mediante UV; e arqueta de toma de mostras. Executarase tamén o novo bombeo, equipado con dúas bombas, e a impulsión, cunha lonxitude de 640 metros, ademais do acondicionamento do colector da marxe do rego do Burgo, con máis de 1.200 metros.
Unha vez executadas estas obras, a depuradora e o novo bombeo, demoleranse as 2 fosas sépticas existentes.
Ethel Vázquez fixo fincapé en como esta actuación segue a liña do departamento que preside de apoio e acompañamento aos concellos, conscientes das dificultades técnicas e financeiras que os municipios máis pequenos teñen para impulsar este tipo de infraestruturas, que son custosas. Máis se cabe cando se trata de concellos rurais como o do Pino, con núcleos e poboación moi dispersa, o que supón un sobreesforzo e complica a prestación axeitada dos servizos da auga, subliñou.
Nesta liña, a conselleira salientou que este apoio redobrarase coa nova Lei do ciclo integral da auga que está en tramitación, e da que puxo en valor o seu uso como ferramenta útil e eficaz coa que os municipios poderán tamén encomendar a xestión á Xunta dos seus sistemas, garantindo a prestación de servizos eficientes e profesionais da auga aos veciños e evitando os vertidos.